“A BETANZOS VAILLE A VIDA EN ATALLAR XA A RUÍNA DO CASCO HISTÓRICO E DO PASATEMPO, ACTUAR DE URXENCIA, FREAR A HEMORRAXIA QUE NOS ESTÁ EMPOBRECENDO COMO CIDADE”

Comprometémonos a facer un Betanzos máis verde e que poña en valor o seu patrimonio

Un intre do acto no Cantón
Un intre do acto no Cantón

“Para iso hai que sacudirse a resignación. Esta cidade pode ser outra cousa, merece ser outra cousa. Hai que varrer co derrotismo, coa indiferenza”

“A Betanzos vaille a vida en atallar xa a ruína do Casco Histórico e do Pasatempo, actuar de urxencia, frear a hemorraxia que nos está empobrecendo como cidade”

Comprometémonos a facer un Betanzos máis verde e que poña en valor o seu patrimonio

“Para iso hai que sacudirse a resignación. Esta cidade pode ser outra cousa, merece ser outra cousa. Hai que varrer co derrotismo, coa indiferenza”

“A Betanzos vaille a vida en atallar xa a ruína do Casco Histórico e do Pasatempo, actuar de urxencia, frear a hemorraxia que nos está empobrecendo como cidade”

Betanzos, 19 de maio de 2019. O candidato do BNG á alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, comprometeuse hoxe no mitín central a un Betanzos máis verde que poña en valor o seu patrimonio. O candidato á alcaldía puxo en valor o proxecto dos nacionalistas para Betanzos “o patrimonio é precisamente o que fai diferente e única a esta cidade. E por iso o proxecto estratéxico de futuro que ten Betanzos é o patrimonio. Apostar polo propio, polo que nos fai diferentes e únicas, como fonte de riqueza”, explicou.

“Para iso hai que sacudirse a resignación. Esta cidade pode ser outra cousa, merece ser outra cousa. Hai que varrer co derrotismo, coa indiferenza”, engadiu o candidato á alcaldía do BNG, “se hai unha política en Galiza claramente transformadora, esa é a política municipal do BNG. Abonda ver como en vilas e cidades similares a Betanzos, coma Allariz, Ribadeo ou Pontevedra o BNG transformou para mellor a cidade e, o fundamental, mellorou a calidade de vida da veciñanza”.

Henrique del Río apostou por un Betanzos máis sostíbel, “contratando o subministro enerxético a cooperativas que producen con enerxías renovábeis e que reinvistan no noso país os beneficios, por mudar o modelo de recollida do lixo, apostando pola reciclaxe e a compostaxe, por rematar o saneamento e exixirlle a Xunta e Estado que poñan fin á contaminación na nosa Ría e por estudar a remunicipalización da traída e o saneamento”.

“A Betanzos vaille a vida en atallar xa a ruína do Casco Histórico e do Pasatempo, actuar de urxencia, frear a hemorraxia que nos está empobrecendo como cidade. E necesario intervir de urxencia no Pasatempo para frear a ruína, retirar a pasarela e a estrada, investir anualmente no seu mantemento e conservación, poñelo en valor cun centro de interpretación e afrontar a súa rehabilitación integral”, explicou.

“Tamén é imprescindíbel asumir que o Casco Histórico precisa unha intervención integral, que comeza devolvendo as oficinas do Concello á Casa Consistorial pero que pasa, necesariamente, por reducir ao máximo o tránsito rodado primando a mobilidade peonil, cunha empresa pública de rehabilitación que cree vivenda e oportunidades onde hai cascotes, que devolva espazos verdes ao corazón da cidade e que faga posíbel crear riqueza a partir do que é: o maior activo económico que ten Betanzos”, engadiu.

No acto interveu tamén Amelia Sánchez, número 2 da candidatura do BNG á alcaldía de Betanzos, que centrou a súa intervención na necesidade duns servizos sociais de calidade. “Precisamos con urxencia un xeriátrico e un centro de día público na nosa comarca”, explicou, e apostou pola xestión municipal do servizo de axuda no fogar e das actividades extraescolares do CEIP Vales Villamarín. Tamén incidiu na necesidade de que o goberno se faga eco das demandas do feminismo e comprometeuse a reclamar un xulgado específico de violencia de xénero para Betanzos e un centro de orientación familiar, “para este servizo temos que desprazarnos desde toda a nosa comarca á Coruña, explicou”.

Participou tamén no acto Luís Bará, concelleiro en Pontevedra, deputado no Parlamento galego e activista da memoria histórica quen puxo o foco na necesidade de que o BNG teña voz propia no Parlamento europeo e tamén puxo en valor o modelo de concellos BNG, “capaz de transformar realmente a vida das persoas e premiado internacionalmente como o caso de Pontevedra”.