OS TRES PROXECTOS QUE SE PRESENTARÁN AO POS+ SON TRES PROPOSTAS QUE LEVAMOS TEMPO DEFENDENDO, O QUE AMOSA QUE AS PROPOSTAS DO BNG SON AS QUE BETANZOS PRECISA PARA AVANZAR

Celebramos que se inclúa no POS+ a nosa demanda histórica de rehabilitar o Mosteiro de Donas

Convento de Donas
Convento de Donas

É unha satisfacción ter conseguido facer ver ao goberno local a necesidade de rehabilitar o edificio máis antigo da cidade; de sempre propuxemos que o edificio fora rehabilitado para uso veciñal, e entendemos que este ten de ser o primeiro paso para poñer en valor unha historia de case mil anos. Os tres proxectos que se presentarán ao POS+ son tres propostas que levamos tempo defendendo, o que amosa que as propostas do BNG son as que Betanzos precisa para avanzar.

Celebramos que se inclúa no POS+ a nosa demanda histórica de rehabilitar o Mosteiro de Donas

O BNG valorou positivamente a proposta de obras a incluír no POS+ do vindeiro ano. "Inclúense actuacións que vimos demandando nos últimos anos, e como sempre defendemos dedícanse os fondos integramente a inversión, non a pagar gasto corrente", explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas valoran "moi positivamente" o feito de que "á fin se inclúan fondos no plan de inversión para rehabilitar o Mosteiro de Donas". "É unha demanda histórica que vimos defendendo desde que entramos na Corporación en 1991" recordou o voceiro do BNG. "É unha satisfacción ter conseguido facer ver ao goberno local a necesidade de rehabilitar o edificio máis antigo da cidade, que xa fora refeito en 1100" engadiu Del Río. "De sempre propuxemos que o edificio fora rehabilitado para uso veciñal, e entendemos que este ten de ser o primeiro paso para poñer en valor unha historia de case mil anos" remarcou.

Desde o BNG valoraron positivamente o investimento no Casco Histórico previsto no POS. "Dado que os orzamentos municipais non levan apenas investimento propio para a recuperación do Casco Histórico, sempre defendemos que parte do POS+ fose a esta finalidade", explica o edil nacionalista.

Ademais, as nacionalistas consideran imprescindíbel actuar na rede de saneamento ao longo do río Mendo. "Pedímolo en numerosas ocasións, acabar cos verquidos que se producen mesmo desde a propia rede municipal, polo que celebramos que á fin se nos escoitase", remarcan.

"Mesmo o goberno local tivo en conta a necesidade de actuar na rúa Alcalde López da Torre, na Condesa, para reparar beirarrúas e firme no plan complementario, que era outra demanda que formulamos no Pleno a pedimento da veciñanza do barrio", recordou o edil nacionalista.

"Os tres proxectos que se presentarán ao POS+ son tres propostas que levamos tempo defendendo", remarcan as nacionalistas. "Isto amosa que as propostas do BNG son as que Betanzos precisa para avanzar" engaden.

As nacionalistas advirten, porén, da demora do executivo local para contratar e executar as obras de plans anteriores. "Aínda está sen contratar boa parte dos proxectos do pasado ano" explican.

Falta de participación veciñal

As nacionalistas, con todo, cuestionan que o goberno local elaborase a proposta de costas á veciñanza. "A participación veciñal non pode quedar en repartir 50 000 euros que sobran nos orzamentos", advirte Del Río. Lamentan que para seleccionar estas actuacións o goberno local non fixera un proceso de participación. "Recoller propostas de maneira que calquera persoa puidera facer achegas non custa nada nin condiciona nada, e con internet é moi doado, non entendemos por que se evita a participación veciñal", lamentan.