O BNG volveu exixir ao goberno local que conceda a conciliación as súas traballadoras

O BNG volveu exixir ao goberno local que conceda a conciliación as súas traballadoras

“Ao PSOE non lle interesa a igualdade máis alá dun titular de prensa o 8 de marzo, como poden comprobar todas as empregadas do Concello, sen ir máis lonxe”.

Betanzos, 6 de setembro de 2013. O BNG denunciou no Pleno que o goberno local do PSOE continúa negándolle o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar a unha traballadora da escola infantil municipal. Segundo denunciou a concelleira María Otero, a docente “ata o de agora só recibiu evasivas por parte do goberno local”.

Os nacionalistas insisten en que esta traballadora municipal “solicitou a conciliación familiar” e recordan ao goberno local do PSOE que “este é un dereito que teñen as traballadoras”. “Por que motivo se resisten a conceder o que a Lei lle outorga?”, interpelou a edila do BNG.

Desde o BNG arremeteron contra o que consideran “hipocrisía” do goberno local do PSOE a conta da igualdade. “Esta é a igualdade da que fala o goberno local?” pregúntanse os nacionalistas. Desde o BNG pregúntanse “cantas veces máis imos ter que insistir neste asunto” para que o goberno local do PSOE recoñeza os dereitos que a Lei outorga ao persoal municipal.

Para o BNG a situación non é nova e advirten ao goberno do PSOE que “se temos que seguir sacando a luz estes feitos para que o goberno local cumpra coas súas obrigas non nos vai tremer o pulso”. Os nacionalistas aseguran que “temos constancia dunha baixa de longa duración na escola infantil de San Francisco que o PSOE se nega sistematicamente a cubrir”.

“Con esta vacante sen cubrir o PSOE pretexta problemas de organización nas quendas de traballo para outorgar a conciliación ás profesoras”, denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Mentres esta praza da escola infantil está sen cubrir, o PSOE contrata en fraude de lei persoal de apoio para as festas”, asegura.

“Con estes feitos no seu haber é unha hipocrisía que o goberno do PSOE dea premios á igualdade e aprobe plans de igualdade”, denuncian desde o BNG. “Ao PSOE non lle interesa a igualdade máis alá dun titular de prensa o 8 de marzo, como poden comprobar todas as empregadas do Concello, sen ir máis lonxe”, advirte o voceiro nacionalista. “É totalmente hipócrita falar de combater estereotipos sexistas e manter a raíña das festas e falar de superar a fenda salarial entre homes e mulleres e denegar as solicitudes de conciliación”, indica Del Río.

Os nacionalistas exixen ao goberno do PSOE “feitos e explicacións”. “Que concedan a conciliación que lle corresponde a esta traballadora e que expliquen por que se negaron a darlla sen sequera responder”, reclaman.

“Agardamos impacientes un novo episodio de manipulación por parte do PSOE logo de falsear a conta xeral dicindo que era positiva e de manipular a postura do BNG sobre as taxas polas terrazas”, ironiza o voceiro nacionalista. “Aínda son capaces de dicir que o BNG nunca presentou ningunha iniciativa concreta para camiñar cara a igualdade no Concello de Betanzos”, concluíu.

O BNG volveu exixir ao goberno local que conceda a conciliación as súas traballadoras