O BNG ve no non ao PXOM a oportunidade de facer ben o deseño urbanístico das próximas décadas

O BNG ve no non ao PXOM a oportunidade de facer ben o deseño urbanístico das próximas décadas

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

“Temos a ocasión de dar participación á veciñanza e de facer un deseño urbanístico que sexa unha oportunidade para o Casco Histórico e os barrios históricos da cidade, para repensar e redeseñar a mobilidade dentro da vila e coas aldeas”

“Fronte a actitude de reproches sobre actuacións de hai máis de 10 anos que o PSOE mantivo no Pleno de onte, desde o BNG pedímoslle ao goberno responsabilidade, sentido común para entender que é necesario tender pontes e buscar o entendemento para chegar a acordos sobre o modelo de cidade que pensamos que é mellor para a veciñanza”

Betanzos, 16 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas Abertas avalía o non do Pleno ao Plan Xeral do PSOE como “unha oportunidade para facer ben o deseño urbanístico para as vindeiras décadas, en vez de repetir os erros do pasado coa trampa dunhas présas que non existen”. “Esperamos que con este non o goberno local aproveite a ocasión de facer un Betanzos sostíbel, orgulloso do seu pasado e sobre todo un Betanzos pensado desde a veciñanza para a veciñanza”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

O nacionalista explicou de novo o porqué do non do seu grupo ao Plan Xeral, que definiu como “a postura responsábel” para “non dar o visto bo ao modelo que o PSOE quere impor ás presas catro días antes de que entre en vigor a nova lei do solo”.  “Betanzos precisa un plan xeral, mais non este Plan Xeral; Miño e Barreiros teñen un plan xeral e está aí ese desastre urbanístico para velo e tomar nota” explica o voceiro das nacionalistas.

“Non ter aprobado plan xeral nefasto e insostíbel non é unha traxedia, é a ocasión de rachar con este modelo nefasto, que todo o fía a seguir levantando pisos” proseguiu. “Temos a ocasión de dar participación á veciñanza e de facer un deseño urbanístico que sexa unha oportunidade para o Casco Histórico e os barrios históricos da cidade, para repensar e redeseñar a mobilidade dentro da vila e coas aldeas”, engadiu Del Río.

“Fronte a actitude de reproches sobre actuacións de hai máis de 10 anos que o PSOE mantivo no Pleno de onte, desde o BNG pedímoslle ao goberno responsabilidade, sentido común para entender que é necesario tender pontes e buscar o entendemento para chegar a acordos sobre o modelo de cidade que pensamos que é mellor para a veciñanza” proseguiu Del Río. “Pedímoslle ao PSOE un exercicio de responsabilidade e autocrítica, que deixe os reproches e o illamento e que dunha vez e de verdade tente chegar a acordos polo ben da veciñanza”, indicou o voceiro nacionalista.

“O BNG xa avaliou e tomou nota dos erros que puido cometer cando gobernou, mais diso hai xa mais de 10 anos” advertiu. “É necesario que o PSOE deixe de mirar continuamente ao pasado e empece a pensar no futuro de Betanzos” insiste. Desde o BNG recordan, ademais que este Plan foi contratado no ano 2012, polo que non é certo que sexa o do 2005 como insiste o goberno do PSOE tratando de manipular a realidade e confundir á veciñanza. “Pódese comprobar que a licitación se fixo no 2012, e se é o plan de 2005 que nos explique o goberno por que lle pagamos por elaborar 2 plans a empresa redactora” explica Del Río.

As nacionalistas engaden que en canto tiveron acceso á documentación deste plan xeral contratado polo PSOE en 2012, hai algo máis dun ano, xa fixeron as primeiras análises e críticas. “Desde hai un ano vimos facendo exactamente a mesma análise e as mesmas críticas e en ningún momento a nosa opinión foi atendida, tida en conta ou serviu para cambiar absolutamente nada do Plan que onte foi ao Pleno”, relata Del Río. “Tivemos dúas reunións técnicas co equipo redactor, para resolver algunhas dúbidas, mais os únicos cambios que o goberno local realizou foron os que exixiu o Ministerio de Fomento para non arrimar casas a un novo vial paralelo ao polígono”, engade, “por un informe de Madrid, non por achegas dos representantes da veciñanza”.

“Polo tanto, se non están recollidas as nosas achegas, non é o noso plan”, engade Del Río. “E se non é o noso plan porque non é o noso modelo de cidade, a responsabilidade de sacalo adiante non será nosa”, conclúe. Neste sentido, recorda que “temos o compromiso coa veciñanza que confiou en nós de desenvolver en Betanzos o ‘modelo Allariz’ e non imos pasarnos ao ‘modelo Miño’ que quere traer o goberno local por moito que nos descualifique o PSOE”.

“A responsabilidade será en todo caso dun goberno local que é incapaz de dialogar con ninguén e que desde hai un ano os problemas que lle viamos ao Plan non fixo absolutamente nada por solucionalos, máis que intentar responsabilizar aos demais da súa falta de capacidade de diálogo”, indicou Del Río.