O BNG traslada ao Pleno as queixas das persoas usuarias da piscina e polideportivo municipais

O BNG traslada ao Pleno as queixas das persoas usuarias da piscina e polideportivo municipais

María Otero e Henrique del Río nun Pleno

Os usuarios e usuarias advirten de que hai “goteiras e humidades” e de que “parte das vacacións de Nadal” o complexo deportivo estivo “sen luz”. Ademais, aseguran hai “aparatos estropeados dende fai tempo, exemplo a cinta”.

Betanzos, 4 de febreiro de 2014. O BNG demandou no Pleno que o goberno local do PSOE subsane todas as deficiencias que presentan a piscina e o polideportivo municipais. Os nacionalistas aseguran que “un grupo de persoas usuarias da piscina e polideportivo municipais téñennos feito chegar as súas queixas polas condicións do servizo”.

Segundo indicou a nacionalista María Otero, as persoas que acuden ao complexo deportivo municipal quéixanse do “abandono total, tanto pola empresa como polo concello” que presentan as instalacións. Os usuarios e usuarias advirten de que hai “goteiras e humidades” e de que “parte das vacacións de Nadal” o complexo deportivo estivo “sen luz”. Ademais, aseguran hai “aparatos estropeados dende fai tempo, exemplo a cinta”.

Os usuarios e usuarias do complexo deportivo municipal tamén se queixaron pola falta dun monitor. Explican que “cando se pregunta por parte dalgún usuario pola súa falta sempre a resposta é a mesma que legalmente non teñen obrigacion de telo”.

A maiores, engaden os nacionalistas, “un grupo de pais asegurounos que non poden acceder ao vestiario para cambiar ás súas fillas nin as nais poden ir cambiar aos fillos ao seu respectivo vestiario”.

Por este motivo, desde o BNG demandaron ao goberno local do PSOE “prazos e medidas” concretos para “dar cumprimento ás queixas da veciñanza que sostén cos seus cartos o servizo”. “Sabemos, porque mandaron unha nota de prensa, que están ao tanto de todo isto” ironizaron no Pleno para preguntar “que fixo até o momento o goberno local neste tema”.

PSOE e PP desculpan os investimentos que a concesionaria ten que facer este ano no complexo

Os nacionalistas tamén cuestionaron que o PSOE, co apoio do PP, acordase no Pleno do pasado mes de novembro, perdoar parte do investimento que a concesionaria ten que facer na piscina e pavillón. “Se lle perdoas parte das inversións para non subir a taxa e hai que amañar algún equipo, vai saír das arcas municipais”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Ademais, acordaron subir tarifas o pasado ano para financiar investimentos nos anos seguintes que agora se desculpan”, recorda “isto só busca beneficiar a conta de resultados da empresa, non ás persoas que utilizan o complexo deportivo municipal”.

O BNG traslada ao Pleno as queixas das persoas usuarias da piscina e polideportivo municipais