O BNG traslada ao Pleno o malestar das usuarias da piscina polo peche en Semana Santa

O BNG traslada ao Pleno o malestar das usuarias da piscina polo peche en Semana Santa

O grupo municipal do BNG

O BNG pediu con unha moción de urxencia que se reabra a piscina en Semana Santa e que se desconte das cotas mensuais o correspondente aos días que botou pechada.

BNG-Asembleas Abertas inclúe no programa remunicipalizar o complexo deportivo para dar un mellor servizo.

Betanzos, 1 de abril de 2015. O BNG reclamou onte no Pleno que o goberno local obrigue á concesionaria das piscinas e o polideportivo municipais a abrir durante as vacacións da Semana Santa. “Xusto cando máis xente pode utilizar estas instalacións que mantemos todas e todos cos nosos impostos van e pechan por vacacións”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas trasladaron ao Pleno as queixas das persoas que utilizan a diario o complexo deportivo municipal. “Deixan sen o servizo ás persoas que poderían ir practicar deporte durante as súas vacacións, pero tamén ás que precisan ir a diario á piscina a facer exercicios de rehabilitación”, engadiu o concelleiro nacionalista. “E isto acontece, exactamente igual, no mes de agosto”, recordou.

Ademais, Del Río indicou que “os usuarios e usuarias da piscina mesmo nos pasaron datos da apertura doutros complexos da comarca nesta tempada”. Así, relatou, que “en Pontedeume a piscina municipal pecha só o venres, que é festivo, pero abre até os domingos”. Na mesma liña, explicou que “en Oleiros o único cambio pola Semana Santa é que xoves e venres abre só de 10 a 14h, o resto dos días abre con normalidade, incluídos os domingos”. “Tamén en Sada abren normalmente e só pechan os dous días festivos” asegura.

BNG-Asembleas Abertas inclúe no programa remunicipalizar o complexo deportivo para dar un mellor servizo

“Polo tanto, igual que todas estas localidades, algunha moi similar en orzamento e poboación a Betanzos, garanten o servizo público en vacacións, o noso Concello tamén debería facelo”, sostén o voceiro do BNG. “As reparacións poden facela calquera día que cause menos molestias ás persoas usuarias e para as vacacións do persoal, que contraten máis persoal que ben que cobran por facer negocio con edificios municipais”, sosteñen desde o BNG.

“Hai un problema a maiores e é que a nosa veciñanza descoñece exactamente que obrigas ten a concesionaria e o Concello porque o contrato nunca se fixo público”, explica o nacionalista. “Polo que nos trasladaron, en concellos das proximidades os contratos son públicos para que calquera poida coñecer exactamente e de primeira man os seus dereitos e obrigas”, sostén. “Pero non lle digas ao goberno do PSOE que o Concello de Betanzos é opaco que aínda se fan os ofendidos”, ironizou.

Desconto das tarifas mentres estea pechado o servizo

Neste sentido, o BNG pediu onte no Pleno con unha moción de urxencia que se reabra a piscina e que se desconte das cotas mensuais o correspondente aos días que botou pechada. “O PSOE aprobou isto en febreiro de 2011, cando o levamos ao Pleno e eles estaban na oposición, e tras catro anos gobernando non fixo absolutamente nada”, relata Del Río. “E non só non cumpriu con cousas que apoiaba, senón que ademais preocúpase máis de defender os intereses da concesionaria que de velar polos dereitos da veciñanza”, lamentou.

Recuperación da concesión

Por este tipo de situacións, o BNG-Asembleas Abertas incluirá no seu programa a remunicipalización do complexo deportivo do Carregal. “É unha demanda que a veciñanza nos trasladou directamente e ademais os feitos encárganse de comprobar que a situación actual non é precisamente a mellor para dar un servizo de calidade, concluíu Henrique del Río, candidato á alcaldía.

O BNG traslada ao Pleno o malestar das usuarias da piscina polo peche en Semana Santa