O BNG reclamou a PSOE e PP que deixen o teatro sobre a rehabilitación do Casco Histórico

Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG
O BNG reclamou a PSOE e PP que deixen o teatro sobre a rehabilitación do Casco Histórico

Sobre a casa Gótica: “O PP quixo dar a sensación de que facía todo o posíbel mandando o asunto á Fiscalía e o PSOE quere facer ver que mentres a Xustiza non resolva non pode adoptar outras medidas, pero ningún dos dous tomou medidas para rehabilitala”.

Betanzos, 12 de setembro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local que adopte todas as medidas necesarias para garantir a conservación das pezas da fachada da Casa Gótica logo da caída do valo que pecha o solar. “A Casa Gótica, como todo o Casco Histórico, é patrimonio de todo Betanzos e o goberno do PSOE ten a obriga de asegurar que non se extravía ningún elemento para poder levantala de novo”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Neste sentido, os nacionalistas aseguran que os gobernos locais de PSOE e PP podían ter feito máis de cara á recuperación deste inmoble emblemático da rúa da Cerca. “O PP quixo dar a sensación de que facía todo o posíbel mandando o asunto á Fiscalía e o PSOE quere facer ver que mentres a Xustiza non resolva non pode adoptar outras medidas”, indican.

Desde o BNG lamentan que o goberno local do PSOE “non ten nada claro que facer co Casco Histórico de Betanzos e a súa política se limita a parchear rúas”. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, recorda que “nós propuxemos medidas de impulso económico e dinamización social, como o banco de locais comerciais, e puxemos enriba da mesa un plan de recuperación para todo o Casco Histórico”.

Os nacionalistas cuestionan igualmente que a Xunta se limite a poñer valos nas vivendas que comprou no Casco Histórico “para facerlle a campaña electoral das municipais ao PP”. “A actuación exemplar da Xunta foi compralas para deixalar caer tal como estaban coa excusa de que non teñen os cartos que malgastan noutras cousas como en campañas millonarias de publicidade”, denuncian.

Para os nacionalistas, “PSOE e PP enceréllanse en discusións sobre as súas mutuas responsabilidades en torno á Casa Gótica en tanto ningún deles tomou medidas para solucionar este problema”, aseguran. “Probabelmente o Concello hoxe non teña capacidade para expropiar inmobles” conceden, pero censuran que “cando tivo ocasión de facelo tampouco houbo vontade de facelo”. “Tan brinde ao sol foi a expropiación que vendeu en campaña o PSOE como a execución subsidiaria que anunciou e non fixo o PP”, conclúen.

Rolda de actos informativos por barrios e parroquias

Os nacionalistas anunciaron que na vindeira semana comezarán unha rolda de actos informativos abertos á veciñanza para recoller propostas e dar conta do traballo desenvolvido polos seus representantes.