O BNG reclamou no Pleno información sobre como se conceden os postos da Feira Franca Medieval

O BNG reclamou no Pleno información sobre como se conceden os postos da Feira Franca Medieval

O BNG reclama que a Feira Franca represente a verdadeira historia da cidade e o país

Del Río: “a pesar de que hai unha mesa de contratación para coñecer a proposta de adxudicación en todos os contratos do Concello, estes contratos nunca van, non temos coñecemento da súa adxudicación”

Requiriron ao executivo local que aclare onde figuran estes ingresos dos postos de artesanía e comida e a canto ascenden

Betanzos, 4 de xullo de 2014. O BNG denunciou no Pleno que o goberno local do PSOE non dá información nin á Corporación nin á veciñanza sobre a forma en que concede os distintos postos da Feira Franca Medieval. Así, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, explicou que dos postos de gastronomía que saen a poxa- cervexarías, crepes e panadarías- “a pesar de que hai unha mesa de contratación para coñecer a proposta de adxudicación en todos os contratos do Concello, estes contratos nunca van, non temos coñecemento da súa adxudicación”. Os nacionalistas reclamaron do executivo do PSOE que explique “porqué todas as contratacións da Feira Franca non pasan pola mesa de contratación”.

Desde o BNG aseguraron que “sorprende que entre os postos que se subhastan non estea incluído o da sidrería”. Os nacionalistas entenden que isto “tería sentido deixalo fóra se fose un produtor artesanal local ou se contase con elaboración en vivo do produto, mais non é o caso”. Del Río asegurou que no seu grupo non se entende esta decisión, xa que “privan ao Concello do que podería ser un ingreso adicional para axudar a financiar a Feira Franca”.

Os nacionalistas denuncian que, ademais, “nas contas- parciais e sesgadas- que achega o goberno local sobre esta festa en comisión non se dá información sobre os ingresos das poxas e postos de artesanía”. Por este motivo, requiriron ao executivo local que aclare onde figuran estes ingresos e a canto ascenden. Advirten, ademais, que “na relación de adxudicatarios dos postos publicada na web municipal- sobre unhas bases bastante subxectivas e moi mellorábeis- non hai unha lista de reserva da que botar man en caso de que algún cause baixa”. Por este motivo, reclamaron do goberno local que indique como se fai a substitución se algún posto finalmente non participa na feira.

Ademais, denuncian que o goberno local non respondeu ás solicitudes de información para coñecer quen fai parte da “comisión técnica da Feira Franca Medieval á que se alude nos comunicados de prensa do goberno local así como obter copia das actas das súas xuntanzas”. “Non pode ser que o PSOE faga gala continuamente de que o goberno é transparente e dá toda a información que se lle pide cando logo se acumulan todas estas irregularidades tan só nun asunto”, conclúe Del Río.

O programa non incorpora as propostas achegadas na comisión

“Hai que entender que o programa da Feira Franca Medieval non ten apenas novidades, xa que senón a estas alturas estarían máis que publicitadas”, indica o voceiro do BNG. Neste sentido, os nacionalistas lamentan que o PSOE non recollese “nin a primeira” da ducia de propostas que achegaron na comisión de festas para tentar mellorar esta festa. “Gustaríanos que o goberno local aclarase cal de todas as suxestións que presentamos na comisión de festas e no último Pleno recolleu” ironizou o edil.

O BNG reclamou no Pleno información sobre como se conceden os postos da Feira Franca Medieval