O BNG reclamará no Pleno medidas para controlar o aparcamento indebido no Casco Histórico

Unha imaxe habitual da rúa Travesa
O BNG reclamará no Pleno medidas para controlar o aparcamento indebido no Casco Histórico

Unha imaxe desta semana da rúa Travesa

“Malia anuncios reiterados na prensa de estudos que nunca chegan para comisións de tráfico que nunca se convocan, o certo é que día tras día a rúa Travesa está chea de vehículos estacionados, ao igual que a praza da Constitución”.

Betanzos, 22 de novembro de 2013. O BNG pedirá no Pleno que a Corporación celebrará o vindeiro martes que o goberno local do PSOE cumpra a ordenanza de tráfico nas rúas e prazas peonís. “O feito de que unhas veces se aplique esta ordenanza e se sancione a quen a infrinxa e outras veces non é inxusto e arbitrario, e provoca agravios comparativos entre a veciñanza”, advirten os nacionalistas.

Desde o BNG reclaman ao goberno local que, se non está disposto a cumprir coa ordenanza de tráfico, proceda a “derrogala e aprobar unha nova ordenanza de tráfico específica para o Casco Histórico negociando coas entidades representativas da veciñanza, comerciantes, movementos sociais, grupos da Corporación”.

Henrique del Río e María Otero advirten na súa iniciativa que “desde o ano 2007, en que finalizaron varias actuacións no Casco Histórico para eliminar beirarrúas e adaptar o pavimento das mesmas a un tránsito preferentemente peonil, Betanzos reduciu a circulación rodada e o estacionamento nas rúas Porta da Vila, do Castro, Travesa e nas prazas da Constitución, Lanzós e Fernán Pérez de Andrade”. Esta medida, recordan, estaba incluída “dentro do plan de rehabilitación do Casco Histórico e contemplada tamén no plan de viabilidade do Centro Comercial Aberto encargado por ACEBE”.

Os nacionalistas indican que no pasado mandato “o PP permitiu e tolerou o estacionamento e tránsito abusivo nas rúas peonís, colaborando necesariamente no deterioro dun pavimento posto para soportar un tránsito rodado anecdótico”. Desde o BNG lamentan que “o PSOE, que criticou durante a súa estadía na oposición esta situación, mantén dous anos e medio despois exactamente a mesma situación que o PP provocou”.

“Malia anuncios reiterados na prensa de estudos que nunca chegan para comisións de tráfico que nunca se convocan, o certo é que día tras día a rúa Travesa está chea de vehículos estacionados, ao igual que a praza da Constitución”, advirten os nacionalistas.

“O goberno do PSOE evita cumprir a ordenanza de tráfico, facendo ver á veciñanza que é papel mollado” advirten os nacionalistas, que cuestionan a pasividade do executivo local mesmo cando a propia praza do Campoaparece chea de vehículos estacionados”.

Dotación de mobiliario urbano para disuadir o estacionamento e facilitar a convivencia

Os nacionalistas lamentan tamén que o executivo local do PSOE decidise retirar “todo o mobiliario urbano que había- que xa era escaso e insuficiente- favorecendo a ocupación de rúas e prazas polos vehículos e, polo tanto, facendo imposíbel a preferencia peonil sobre estes espazos públicos”.

“Isto conleva que vida comunitaria e actividades de lecer e esparcemento non se poidan levar a cabo nas prazas da zona histórica do noso municipio, contribuíndo deste xeito a baleirar de vida e de actividade económica o Casco Histórico” indican Del Río e Otero na súa iniciativa. “Mentres, o goberno do PSOE non aforra accións propagandísticas e reclamacións diante de terceiros, cando o certo é que as obrigas do Concello están totalmente deixadas”, denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Por este motivo, o BNG solicitará no Pleno que o executivo local dote de mobiliario urbano as rúas e prazas do Casco Histórico, de forma que se disuada o estacionamento indebido e se favoreza a vida comunitaria.

O BNG reclamará no Pleno medidas para controlar o aparcamento indebido no Casco Histórico