O BNG reclama toda a documentación sobre contratacións irregulares no Conservatorio

O BNG reclama toda a documentación sobre contratacións irregulares no Conservatorio

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

“Unha das causas do déficit do Conservatorio, ademais, é a desproporcionalidade do salario dos docentes, problema provocado polo PP e mantido polo goberno do PSOE. Extrapolando horas de traballo e salarios, cunha xornada de 8 horas os docentes do Conservatorio cobrarían máis que Secretario e Interventora, cunha responsabilidade sensibelmente inferior”

Betanzos, 10 de novembro de 2014. O BNG pediu esta mañá a documentación completa da contratación de seis persoas para impartir aulas no Conservatorio Municipal Carlos López García-Picos e na Escola Municipal de Folclore. Os nacionalistas demandaron o acceso a toda a documentación logo de trascender que o goberno local do PSOE fixera estas contratacións sen mediar ningún proceso selectivo.

Neste sentido, Del Río advertiu que “haberá que analizar toda a documentación destas contratacións de persoal, pero se hai irregularidades desde logo haberá que exixir que se depuren todas as responsabilidades políticas”. O edil nacionalista lamentou que “o goberno local do PSOE parece que non se quere enterar que para contratar persoal na administración pública hai que respectar a igualdade de oportunidades”. Recorda que “xa houbo algunha comisión de investigación sobre contratacións de persoal nesta lexislatura que o PSOE pechou en falso e, ao visto, sen atender aos reproches que alí se puxeron”.

“Agardamos que o PSOE non poña ningún impedimento en que coñezamos toda esta documentación en cinco días como a lei establece”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Porén, dubida que o goberno local cumpra coas súas obrigas “xa que tivemos que volver a pedir toda a documentación do proceso polo que o PSOE reciclou unha limpadora en conserxe do novo auluario do CEIP Vales Villamarín”.

Desde o BNG recordan que non é a primeira vez que reclaman transparencia en torno ás contratacións de persoal que realiza o goberno local do PSOE. “Desgrazadamente o PSOE continúa defendendo que non todos os veciños teñen o mesmo dereito a obter un posto de traballo ou un contrato do Concello, polo que demostran os feitos”, denuncian.

Ademais, os nacionalistas recordan que o Pleno xa reprobou ao concelleiro de persoal e reclamou ao alcalde o seu cese logo de contratar unha secretaria para o técnico que organiza as festas.

Os docentes do conservatorio cobran máis que os funcionarios habilitados estatais

Desde o BNG insisten, ademais, en que o goberno local do PSOE ten que aclarar por que mantén a situación de agravio comparativo entre o persoal contratado para o Conservatorio e o resto do persoal municipal. “En febreiro de 2013 xa preguntamos por esta cuestión e seguimos agardando resposta, como no caso da ORA, deben estar contando nóminas para dar unha resposta”, ironiza Del Río.

“Unha das causas do déficit do Conservatorio, ademais, é a desproporcionalidade do salario dos docentes, problema provocado polo PP e mantido polo goberno do PSOE”, explicou o edil do BNG. “Extrapolando horas de traballo e salarios, cunha xornada de 8 horas os docentes do Conservatorio cobrarían máis que Secretario e Interventora, cunha responsabilidade sensibelmente inferior”, indicou.