O BNG reclama a supresión da ORA

O BNG reclama a supresión da ORA

Henrique del Río e María Otero conforman o grupo municipal do BNG

“Hai outras formas de ordenar a rotación no estacionamento nas zonas céntricas que non pasan por ‘sangrar’ á veciñanza”. “O Concello, até onde sabemos, non está ingresando un só euro en concepto da ORA, así o reflexa a conta xeral e nolo confirmaron técnicos da área económica do Concello”.

Betanzos, 21 de febreiro de 2014. O BNG reclamará no Pleno a supresión da ORA. “O contrato, até onde sabemos, finalizou en 2011 e desde entón a empresa sigue cobrando, non sabemos moi ben en base a que”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Ademais, desde o BNG aseguran que varios informes do secretario municipal alertan de que a empresa concesionaria non está ingresando ao Concello as cantidades previstas no contrato. “O Concello, até onde sabemos, non está ingresando un só euro en concepto da ORA, así o reflexa a conta xeral e nolo confirmaron técnicos da área económica do Concello”, explicou Del Río.

O Concello, até onde sabemos, non está ingresando un só euro en concepto da ORA

“PP e PSOE sabían que isto estaba así porque o advertiu o secretario e ambos mantiveron esta situación de prexuízo para a veciñanza”, indican. “Se o Concello non percibe nada pola ORA e a recadación vai íntegra para unha empresa privada, o mellor será suprimir a ordenanza da ORA porque a situación do Concello non vai variar en nada”, enganden.

“A ORA ten un afán puramente recadatorio, e neste caso nin sequera iso que a única que recada é a concesionaria, e hai outras formas de ordenar a rotación no estacionamento nas zonas céntricas que non pasan por ‘sangrar’ á veciñanza”, explican desde o BNG.

A supresión da ORA vai ser beneficiosa para o pequeno comercio, porque mentres nas grandes superficies comerciais o aparcamento é gratuíto para comprar en Betanzos hai que pagar

“Entendemos ademais que a supresión da ORA vai ser beneficiosa para o pequeno comercio, xa que é evidente que mentres nas grandes superficies comerciais o aparcamento é gratuíto para comprar en Betanzos hai que pagar e isto non axuda a que as persoas que viven na nosa área de influencia veñan facer as súas compras á nosa cidade”, explica Del Río.

Por este motivo, ademais de suprimir esta regulación, os concelleiros nacionalistas demandarán “adoptar inmediatamente as medidas necesarias para impedir que a concesionaria siga cobrando sen contrato en concepto de ORA”.

Do mesmo xeito, o BNG reclama que o Concello abra “inmediatamente unha investigación sobre as responsabilidades que levaron a manter esta empresa cobrando á veciñanza sen contrato e que permitiron que o Concello non percibise os cartos estipulados no contrato”. A moción dos nacionalistas exixe que se dea conta no vindeiro Pleno do resultado desta investigación e que “de ser o caso, se abra o expediente de responsabilidades que proceda para salvagardar os intereses da veciñanza de Betanzos”.

O BNG reclama a supresión da ORA