O BNG reclama que se repare o paseo da Galera

O BNG reclama que se repare o paseo da Galera

O grupo municipal do BNG

“No Concello hai persoal, maquinaria e fondos necesarios para asumir estas pequenas actuacións de mantemento, pero o PSOE prefire deixar estragarse o patrimonio municipal e logo contratar a dedo a quen lle peta para pagar máis polo mesmo”.

Betanzos, 31 de xullo de 2013. O BNG reclamou no Pleno a reparación do paseo da Galera. Segundo explicou a concelleira nacionalista María Otero, “a veciñanza que transita a diario” polo paseo ten trasladado as súas queixas polo estado do pavimento deste peirao.

“O pavimento está rebentado desde hai tempo, nalgúns casos as lousas crebadas desde a última construción que alí se fixo”, explicou a nacionalista. Ademais, indicou, “as figueiras- árbores tradicionais deste lugar- están sen podar, obstaculizando o paso dos peóns”.

Outros elementos ornamentais do paseo tamén acusan a falta de mantemento por parte do goberno local. “Os hórreos comezan a evidenciar a falta de mantemento desde que se fixeron, presentando o primeiro deterioro da madeira alén da falta de pintado”, advirten desde o BNG.

“Están agardando, como na ponte de Madeira da Ribeira, a que caian para encargarlle outros a dedo a algún achegado?” interpelou a edila nacionalista, que quixo saber o motivo polo que o executivo local “non evita a ruína cun mantemento axeitado”.

En clave irónica, preguntou “para cando o goberno local presentará un plan de paseos e peiraos deses que só aparecen na prensa?”. “No Concello hai persoal, maquinaria e fondos necesarios para asumir estas pequenas actuacións de mantemento, pero o PSOE prefire deixar estragarse o patrimonio municipal e logo contratar a dedo a quen lle peta para pagar máis polo mesmo”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.

O BNG reclama que se repare o paseo da Galera