O BNG reclama de novo documentación sobre as contratacións do servizo de limpeza

O BNG reclama de novo documentación sobre as contratacións do servizo de limpeza

“Simplemente pedimos o goberno local cumpra coa lei de transparencia”

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

Betanzos, 4 de maio de 2016. O BNG-Asembleas Abertas demandou no Pleno acceso a todos os contratos de privatización do servizo municipal de limpeza. As nacionalistas lembran que levan máis dun ano solicitando ter acceso a esta documentación, sen que até o momento a súa petición fose atendida. “Que é o que se pretende ocultar?”, pregúntase o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Pedimos copia de todas os contratos, sexan do tipo que sexan, feitos ás empresas privadas que fan servizo de limpeza nas vías e edificios municipais”, explica Del Río. “E pedimos tamén copia de todas as facturas por estes servizos para poder ter a certeza do que se gasta na privatización da limpeza”, indica.

Desde o BNG recordan que o goberno ten, segundo a Lei, cinco días para poñer a disposición dos concelleiros da oposición a documentación que solicitan. “Entre os cinco días da Lei e o ano e medio que levamos agardando por ela hai un abismo”, ironiza o edil nacionalista.

“Dá para ser moi malpensado o feito de que o goberno local se resista a entregar unha documentación que é pública”, engade. “Obviamente, esta negativa reiterada responderá a algo inconfesábel”, ironiza. Neste sentido, desde o BNG cuestionan que o goberno local deixara de remitir ao Pleno a relación de contratacións e facturas mensuais que no anterior mandato se facilitaba. “É moi irónico que hoxe o Concello, cun Portal de transparencia, sexa menos transparente que nunca” conclúe.

“Sabemos que hai unha empresa privada facendo a limpeza nos edificios municipais pero non sabemos que empresa é, nin que contrato ten, nin por canto tempo, nin canto leva facturado ao Concello. Entendemos que o goberno quere ocultar a privatización deste servizo e por iso non nos facilita os datos, mais temos dereito a saber en que se gastan os cartos públicos”, concluíu o voceiro nacionalista.