O BNG reclama no Pleno que o goberno local garanta a calidade da auga das fontes

A fonte dos Ánxeles
O BNG reclama no Pleno que o goberno local garanta a calidade da auga das fontes

A iniciativa nacionalista para garantir a calidade dos mananciais chega co gallo do Día Mundial da Auga.

Betanzos, 23 de marzo de 2012. O BNG rexistrou para o seu debate no Pleno unha moción para instar ao goberno local do PSOE a que tome as medidas oportunas para garantir a calidade e seguridade para o consumo das augas das fontes públicas. Os concelleiros nacionalistas Henrique del Río e Xosé Vales advirten na exposición de motivos da iniciativa que “son moitos os veciños e veciñas que fan un uso cotián das fontes tradicionais” e reseñan o valor patrimonial de moitas destas fontes.

“O anterior goberno local colocou adhesivos na maior parte destas fontes indicando que a súa auga non está tratada sanitariamente”, indican os nacionalistas, que consideran que “o goberno local debera ir máis alá desta simple indicación- e de facela, facela con soportes dignos que non agredan o ornato das nosas fontes monumentais- e garantir a calidade da súa auga, por exemplo mediante controis periódicos”.

Os nacionalistas indican que segundo a nova directiva común da auga, a xestión dos acuíferos “debe estar orientada ao uso sustentábel da agua baseada na prevención, conservación e restauración dos ecosistemas acuáticos” e apuntan que segundo se desprende da Directiva Marco da Auga e das declaracións da Asemblea Xeral da ONU “na consideración da auga como un Patrimonio común e do Dereito humano á auga potábel e ao saneamento, a Nova Cultura da Auga considera que os servizos de abastecemento e saneamento deben xestionarse publicamente”.

O BNG xa presentou no Pleno varias iniciativas sobre o mantemento das fontes do concello, tanto os exemplos de arquitectura popular- fonte da Señora Jesusa, na Xerpe- como os casos nos que as fontes contan ademais con valor artístico- como a fonte dos Ánxeles. A iniciativa que agora leva o BNG ao Pleno pretende garantir a calidade da auga que mana desas fontes, suxerindo a posibilidade de que o Concello faga “controis periódicos” da auga para garantir que son aptas para o consumo humano.

O BNG reclama no Pleno que o goberno local garanta a calidade da auga das fontes