O BNG reclama no Congreso 1 millón de euros para recuperar a ría de Betanzos

Olaia Fdez. Davila e Rosana Pérez son as deputadas do BNG no Congreso
O BNG reclama no Congreso 1 millón de euros para recuperar a ría de Betanzos

Os nacionalistas reclaman 1 400 000 euros para actuacións de mellora da seguridade viaria nas estradas estatais N-VI e N-651 ao seu paso polos concellos da comarca das Mariñas.

Betanzos, 9 de novembro de 2012. O BNG presentou unha emenda aos orzamentos do Estado para reclamar un millón de euros para actuacións medioambientais na ría de Betanzos. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, explicou que “o ano pasado conseguimos que esta demanda histórica do BNG aparecese recollida nas contas do Estado, pero como temiamos quedou en propaganda”. Os nacionalistas reproban que o PP non destinase un só euro en 2012 para poñer en valor a ría de Betanzos e reclaman que se inclúa unha partida dun millón “para convertir a ría en fonte de riqueza e emprego”.

O BNG pide un millón de euros para realizar melloras na seguridade viaria da N-VI

As deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, reclaman ao goberno do PP outra partida dun millón de euros para realizar melloras na seguridade viaria da N-VI, que atravesa os concellos de Aranga, Coirós, Betanzos e Bergondo na área brigantina provocando problemas de seguridade en varios núcleos, como Colantres, A Angustia ou Cortiñán.

A esta cantidade os nacionalistas suman outros 400 000 euros para actuacións de mellora da seguridade viaria na N-651, que atravesa tamén os concellos de Bergondo, Betanzos, Paderne e Miño no seu percorrido pola comarca brigantina.

400 000 € para mellorar a seguridade viaria na Ribeira e a Ponte Vella

Nas dúas estradas, os gobernos do PSOE e do PP no Estado esqueceron as súas obrigas cos veciños e veciñas ao obrigalos a convivir diariamente con travesías perigosas, escudándose en desculpas de mal pagador para non mellorar a súa calidade de vida”, explica o voceiro do BNG en Betanzos.

O BNG reclamou no Pleno que Xunta e Estado asuman as súas obrigas na Ribeira

As emendas do BNG aos orzamentos do Estado súmanse á moción que os nacionalistas presentaron no Concello de Betanzos para reclamar ao PP que cumpra o seu compromiso cos veciños e veciñas da Ribeira. O PP comprometera hai un ano un investimento de 3 millóns de euros que as contas da Xunta e o Estado non recolleron até a data. Por este motivo, segundo explica Del Río “o Concello acordou reclamar a Xunta e Estado que inclúan nos seus orzamentos cartos para esta actuación que prometeron e non cumpriron”.

Os nacionalistas advirten que se o goberno de Rajoy tivese vontade de facelo durante 2012, os orzamentos do Estado tiñan unha partida para actuacións ambientais na ría de Betanzos. “Sen embargo, o PP deixouna sen tocar cando podían ter comezado xa a cumprir a súa promesa electoral”, lembra o voceiro nacionalista.

O BNG reclama no Congreso 1 millón de euros para recuperar a ría de Betanzos