O BNG reclama máis apoio para a cultura de base

O BNG reclama máis apoio para a cultura de base

“É evidente que os recortes na rede galega de teatros, por exemplo, están á vista de toda a veciñanza que ía ao teatro á Aula de Cultura. O Consello da Cultura Galega afirma que entre 2009 e 2011 perdéronse mil funcións de teatro”.

Betanzos, 21 de marzo de 2013. O BNG presentou unha moción ao Pleno demandando apoio para o sector cultural galego nun “momento de especial dificultade”. Neste sentido, recordan que os recortes do goberno galego do PP cebáronse co sector cultural galego. “É evidente que os recortes na rede galega de teatros, por exemplo, están á vista de toda a veciñanza que ía ao teatro á Aula de Cultura”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas aseguran que “o Consello da Cultura Galega afirma que entre 2009 e 2011 perdéronse mil funcións de teatro”.

O BNG denuncia que “a estratexia do PP entronca cos ataques á nosa lingua e ao todo o que nos identifica e define como un pobo con cultura propia” mentres Feijóo “teima en destinar miles de millóns de euros a manter os edificios da Cidade da Cultura, un capricho que paga caro o pobo galego”.

Por este motivo, os nacionalistas propoñerán ao Pleno que se inste á Xunta a dialogar cos distintos sectores culturais para consensuar medidas e actuacións en materia de política cultural e “convocar un programa, en colaboración cos concellos, que promova a contratación de espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música producidos en Galiza co obxectivo de promover a distribución de produtos culturais galegos e espallar a cultura do país”.

Xunto a isto, o BNG pide que se reclame á Xunta o recorte do orzamento adicado á Cidade da Cultura “destinando estes recursos á axudas aos diferentes sectores da cultura galega e á realización de actividades e difusión das producións culturais galegas nos concellos do país”.

Fomento da cultura de base

A moción do BN tamén propón que Concello impulse a presenza da cultura galega nas festas, mesmo vinculando as subvencións outorgadas con cargo aos orzamentos municipais á contratación de creadores, creadoras e artistas galegos. O BNG sempre foi crítico coa escasa presenza de artistas galegos na programación festiva de Betanzos- tanto cando a deseñaba o PP como agora, que o fai o PSOE.

“Para PSOE e PP a presenza da cultura galega nas festas redúcese ás gaitas”, lamentaron Henrique del Río e María Otero, edís do BNG. Neste sentido, cren necesario “innovar” na programación festiva e propoñen abrir ás entidades culturais e veciñais a organización dos festexos.

Os nacionalistas lamentaron que o goberno local do PSOE, como antes facía o PP, exclúa á cultura de base da programación cultural do Concello. Neste sentido, xa propuxeron abrir a a organización do certame Balconadas á participación das entidades culturais da cidade e recuperar o premio por votación popular.

Do mesmo xeito, os nacionalistas defenderon que o Consello de Cultura, recentemente creado, ofreza ás entidades e asociacións a oportunidade de participar no deseño da política cultural de Betanzos”. Entenden que esta participación veciñal “pode achegar ideas en positivo e organizar determinados eventos”.

O BNG reclama máis apoio para a cultura de base