O BNG reclama que o goberno local actúe sobre os vertedoiros incontrolados

O BNG reclama que o goberno local actúe sobre os vertedoiros incontrolados

Os nacionalistas propoñen tamén un programa de voluntariado ambiental e unha campaña informativa para concienciar á veciñanza da incidencia dos vertedoiros sobre as augas e a saúde.

Betanzos, 24 de maio de 2013. O BNG presentou unha moción para instar ao goberno local a limpar e rexenerar os vertedoiros incontrolados que se atopan en diversos lugares do municipio. “Mesmo a carón da zona urbana hai vertedoiros incontrolados, como na fonte dos Ánxeles ou o entorno de Bellavista”, asegura o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Os nacionalistas aseguran que este problema “non se resolve tan só coa limpeza e rexeneración dos espazos afectados, senón que

é preciso actuar na raíz do problema e concienciar á veciñanza do nocivas que son estas prácticas e da súa incidencia na saúde e no medio en que vivimos”. Desde o BNG informan que os vertedoiros incontrolados reciben “residuos de todo tipo, desde electrodomésticos até refugallos de obra (con uralitas susceptíbeis de portar amianto) ou baterías de vehículos e produtos químicos”.

Advirten de que, “ademais da súa incidencia paisaxística, estes verquidos teñen unha incidencia certa e directa sobre o medio e, neste sentido, tamén poden telo sobre a saúde humana”. Neste sentido, desde o BNG fan especial fincapé no dano que estes vertedoiros poden facer ás augas, tanto ás fontes e mananciais coma aos ríos, con incidencia no lecer e nas actividades pesqueiras e marisqueiras da ría.

Por este motivo, ademais da rexeneración dos vertedoiros, desde o BNG propoñen que o Concello desenvolve “unha campaña de concienciación informando a xente das consecuencias ambientais que teñen estes vertedoiros, tanto na calidade das augas coma noutros aspectos que afectan á saúde e ao ambiente”. Os nacionalistas consideran que, para ter o resultado desexábel, esta campaña “debería desenvolverse colaborando con entidades ecoloxistas e asociacións veciñais e deberíaser algo máis que simple reparto de folletos e incluír charlas nos colexios e locais sociais, exposicións de fotos, videoproxeccións...”. “Do contrario estaríanse gastando os cartos sen ningún tipo de criterio”, advirte Del Río.

Os edís do BNG, Henrique del Río e María Otero, propoñen tamén que o Concello desenvolva un programa de voluntariado ambiental en colaboración coas entidades ecoloxistas da comarca para complementar todas estas accións e conseguir implicar realmente á veciñanza.

O BNG reclama que o goberno local actúe sobre os vertedoiros incontrolados