O BNG reclama explicacións ao PSOE pola privatización de servizos municipais

Relación de facturas pola privatización, sen concurso, do cemiterio. Achegada polo goberno local.
O BNG reclama explicacións ao PSOE pola privatización de servizos municipais

Extracto do orzamento de gastos. Os programas 171 a 179 son os de xardíns e medio ambiente

“O Concello ten cinco xardineiros en nómina e hai dúas prazas vacantes no servizo que non se cobren porque ao PSOE non lle peta. É obvio que sae máis caro contratar empresas de xardinería que ter operarios municipais e abonda dar unha volta por Betanzos e mirar para os xardíns para ver que, ademais de máis caro, o servizo é bastante peor e as zonas verdes están practicamente abandonadas”.

Betanzos, 6 de febreiro de 2015. O BNG exixiu ao goberno local do PSOE explicacións pola privatización de varios servizos municipais. Os nacionalistas cuestionan que o goberno do PSOE convoque un concurso para cortar herba e manter os xardíns municipais os vindeiros seis meses. “E logo no verán e despois non vai haber xardíns?” ironizou Henrique del Río, voceiro do BNG.

“O PSOE convoca un concurso por 50 000 euros para privatizar o mantemento dos xardíns por seis meses pero no orzamento non hai cartos para ese contrato”, advirte o edil nacionalista. “Nos programas de medio ambiente e parques e xardíns o orzamento que o PSOE aprobou na xunta de goberno aparecen 23 281 euros para traballos feitos pola empresa privada”, explica. “O PSOE fixo un orzamento para amosar, que fose presentábel e casara do discurso que fan pero tiña intención de facer unha cousa completamente diferente”, relata Del Río.

fras. parquesOs nacionalistas aseguran isto á vista das propias relacións de facturas facilitada polo goberno local. “De xaneiro a novembro de 2014, o goberno local gastou 67 877,78 euros en traballos de xardinería encargados a empresas privadas”, explica o voceiro do BNG. “Limpezas, podas, corta de herba e demais contratos que foron fraccionando para evitar un concurso público e poder adxudicalo a dedo a quen lle petou ao PSOE”, engade. “Gastaron en servizos de xardinería privatizados practicamente o triplo do previsto no orzamento, é evidente que o orzamento era irreal”, asegura.

Desde o BNG aseguran que estas contratacións son totalmente innecesarias. “O Concello ten cinco xardineiros en nómina- tres operarios readmitidos do antigo GRUMIR, un monitor de xardinería e un xardineiro- e hai dúas prazas vacantes no servizo que non se cobren porque ao PSOE non lle peta”, aseguran os nacionalistas. “É obvio que sae máis caro contratar empresas de xardinería que ter operarios municipais”, aseguran desde o BNG. “E desde logo, abonda dar unha volta por Betanzos e mirar para os xardíns para ver que, ademais de máis caro, o servizo é bastante peor e as zonas verdes están practicamente abandonadas”, sosteñen.

Privatización do cemiterio

Relación de facturas pola privatización, sen concurso, do cemiterio. Achegada polo goberno local.

“No caso do cemiterio, o orzamento prevía 3000 euros para traballos encargados a empresas externas”, recorda Del Río. “Coa relación de facturas que nos tivo que achegar o goberno local, resulta que o PSOE gastou na privatización do cemiterio 11 507,10 euros”, explica. “Obviamente, factura a factura e sen ningún proceso aberto a que calquera puidese presentarse, o mesmiño que o PSOE criticaba ao PP co servizo de limpeza do colexio”, relata.

“Todo isto só por enterrar no cemiterio municipal sen ter unha persoa do Concello que atenda o camposanto”, indica Del Río. “E non a hai porque o goberno non quere, co que isto implica na calidade do servizo, que só hai que ver como está o cemiterio para concluír que coa privatización o servizo é peor”, asegura.

Segundo os nacionalistas, “esta chafallada non ten máis explicación que a necesidade que tiña o PSOE de maquillar as contas”. “Reducen a partida da privatización para que non chame a atención e dentro dun mes haberá xa que modificar este orzamento porque de realista non ten nada”, lamenta Del Río.

Con que se pagan estas empresas?

“Falta saber se non hai cartos no orzamento para estes gastos, con que se pagan estas facturas”, advirte Del Río. “Falsear un orzamento e gastar o que non se ten en cousas que podería facer o propio Concello sen coste adicional dista moito de ser a xestión económica modélica da que se gaban o alcalde e o PSOE”, explica o edil do BNG.

O BNG reclama explicacións ao PSOE pola privatización de servizos municipais