O BNG reclama do goberno local actuacións conxuntas para defender o novo colexio

O BNG reclama do goberno local actuacións conxuntas para defender o novo colexio

Henrique del Río é o voceiro do BNG

“Na comisión celebrada no Concello a pasada semana xa anunciamos que levaramos o tema ao Parlamento e que iamos presentar unha moción; ao goberno local correspondía buscar acordos e promover unha actuación conxunta mais o PSOE semella que só busca o seu beneficio electoral”.

Betanzos, 29 de xullo de 2014. O BNG demandou ao goberno local do PSOE “que por unha vez estea á altura das circunstancias e actúe con altura de miras e buscando actuacións conxuntas” para enfrontar o anuncio da Xunta de reconvertir o novo colexio de educación infantil nun simple aulario do CEIP Vales Villamarín.

Os nacionalistas insisten en que “non hai ningún motivo técnico ou pedagóxico que impidan que a comprometida nova escola de educación infantil de Betanzos non poida ser un centro independente- adscrito ao actual centro de primaria como as escolas unitarias de Coirós e Paderne- e poñer fin á masificación do CEIP Vales Villamarín”. Aseguran que ambos edificios teñen o acceso separado uns 400 metros entre os que está o cruzamento das avenidas do Carregal e Fraga Iribarne, cunha densidade de tráfico moi elevada.

Neste sentido, cuestionan que “o goberno galego pretenda incorrer por terceira vez no erro de ampliar, agora xa mesmo en sedes desconcentradas, o centro escolar de Betanzos en lugar de crear novos centros escolares, perpetuando os seus problemas de masificación e ocasionando outros moitos”.

Desde o BNG reproban “o permanente engano á veciñanza por parte da Xunta do PP, pois o goberno galego, tanto nos orzamentos como nas sucesivas notas de prensa, falou practicamente sempre dunha escola de educación infantil. Por este motivo, os nacionalistas xa presentaron no Parlamento de Galiza unha iniciativa para instar á Xunta a abrir o novo colexio de educación infantil como un centro independente, tal e como estaba previsto.

“Na comisión celebrada no Concello a pasada semana xa anunciamos que levaramos o tema ao Parlamento e que iamos presentar unha moción”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Ao goberno local correspondía buscar acordos e promover unha actuación conxunta mais o PSOE semella que quere repetir canto fixo no tema do partido xudicial, buscando o seu beneficio electoral”, lamenta.

“O importante é o ensino público”, advirte Del Río. “Lamentamos a falta de diálogo do goberno local do PSOE nun tema crucial para o futuro da nosa cidade como este e agardamos que rectifiquen a súa posición, teñan alturas de miras e busquen actuacións conxuntas” engade. “No BNG entendemos que a forma de obrigar á Xunta a dar marcha atrás nesta aldraxe é ofrecer unha postura de unidade da man da comunidade escolar, e convidamos ao goberno local a rectificar o seu cálculo electoralista e buscar estes entendementos”, conclúe.

O BNG reclama do goberno local actuacións conxuntas para defender o novo colexio