O BNG reclama a dimisión de María Faraldo despois da apertura de xuízo oral

O BNG reclama a dimisión de María Faraldo despois da apertura de xuízo oral

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

“Non é de recibo que mentres a xente está pasándoo mal o PP se dedicase a facer clientelismo en Betanzos con cartos de todas e todos para tratar de manter a cadeira”

Betanzos, 2 de xullo de 2014. O BNG reiterou a súa exixencia de dimisión “inmediata” a María Dolores Faraldo Botana, deputada, exalcaldesa e concelleira do PP, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acordase abrir o xuízo oral contra ela por prevaricación e falsedade documental na contratación irregular dun profesor para o Conservatorio.

“Respectamos a presunción de inocencia pero na representación política hai que ser exemplar, cousa que ademais Feijóo defendía non hai moito”, indicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río. “Mantendo a Faraldo no Parlamento, Feijóo está incumplindo a súa promesa de non ter persoas imputadas ocupando escanos”, insistiu o voceiro do BNG.

“O PP contribúe ao descrédito da política con estas actitudes”, advertiu Del Río. “Cando se trata de cartos e empregos públicos hai que ser sempre rigorosísimos, sobre todo coa que está caendo”, engadiu. “Non é de recibo que mentres a xente está pasándoo mal o PP se dedicase a facer clientelismo en Betanzos con cartos de todas e todos para tratar de manter a cadeira, saltando incluso por riba das Leis”, censurou.

Por este motivo, desde o BNG reclaman que María Faraldo dimita “inmediatamente” como concelleira en Betanzos e deputada no Parlamento de Galiza. “O PP dá leccións de ética a todo o mundo e á hora de pasar das palabras aos feitos nunca se aplica os seus discursos”, insiste.

Os nacionalistas recordan que o PP incluíu a Faraldo en postos de saída na candidatura para as últimas eleccións ao Parlamento de Galiza para facela aforada e tratar de eludir a Xustiza. “Que prediquen co exemplo agora que desde o PP falan de eliminar aforados” retou Del Río.

O BNG reclama a dimisión de María Faraldo despois da apertura de xuízo oral