O BNG reclama que se cambien de ubicación uns colectores no Mandeo

María Otero é concelleira do BNG
María Otero é concelleira do BNG
O BNG reclama que se cambien de ubicación uns colectores no Mandeo

“Tal como están colocados impiden a visión por parte de condutores, comprometendo a súa seguridade e a dos peóns que a diario circulan por esta zona”.

Betanzos, 2 de agosto de 2013. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local cambie de lugar uns colectores de lixo no entronque do camiño da Veiga coa rúa do Mandeo. A edil nacionalista María Otero indicou que tal como están colocados “impiden a visión por parte de condutores, comprometendo a súa seguridade e a dos peóns que a diario circulan por esta zona”.

Os nacionalistas aseguran que “a veciñanza trasladounos a súa preocupación porque, ademais, nesta rúa do Mandeo téñense dado carreiras de vehículos con colisións contra vehículos estacionados debidamente na mesma”. Por este motivo, reclamaron ao executivo do PSOE que actúe para “colocar noutro emprazamento estes colectores” e “deixar de poñer en perigo á veciñanza”.

Desde o BNG xa teñen reclamado tamén ao goberno socialista que adopte medidas para atallar a presenza de ratas nesta parte do barrio da Ponte Vella, debido á “afección que poden ter sobre a saúde das persoas”.

O voceiro nacionalista, Henrique del Río, lamentou que “o goberno local nin sequera é capaz de atender a estas pequenas cousas que nin precisan grandes fondos nin horas de traballo dos operarios municipais”. “Se cadra é por iso, que xa sería o colmo que tivesen que contratar a unha empresa privada para mover uns colectores”, ironizou. “Estas situacións tan só responden á falta de interese do goberno local”, concluíu.