O BNG reclama que Betanzos regule a colocación de antenas de telecomunicacións

O BNG reclama que Betanzos regule a colocación de antenas de telecomunicacións

As protestas pola instalación dunha antena en Viraventos chegaron ao Pleno

“É a segunda vez que temos que traer ao Pleno esta moción, despois de que en decembro de 2012 o goberno do PSOE aprobase unha iniciativa similar, tamén nosa, e logo non fixese absolutamente nada ao respecto”

Betanzos, 22 de maio de 2014. O BNG presentou unha moción para que o Concello de Betanzos regule a colocación de antenas de telecomunicacións no municipio. “É a segunda vez que temos que traer ao Pleno esta moción, despois de que en decembro de 2012 o goberno do PSOE aprobase unha iniciativa similar, tamén nosa, e logo non fixese absolutamente nada ao respecto”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Nesta ocasión, os nacionalistas demandarán, ademais, que o Concello demande a Xunta e goberno español unha revisión da nova Lei xeral de telecomunicacións que acaban de aprobar no Congreso PP, PSOE e CiU, co voto en contra do BNG. Os nacionalistas lamentan “o descoido e falta de medidas de protección para a saúde e o medio ambiente” da nova lei.

“Son numerosas as chamadas de atención desde organismos científicos e mesmo desde a ONU para aplicar o principio de precaución ante estes contaminantes ambientais alertándonos do seu risco potencial para a saúde das persoas, especialmente na infancia, a mocidade, as mulleres xestantes e outros grupos sensíbeis” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Neste sentido, os nacionalistas advirten do “incremento da contaminación ambiental procedente dos campos electromagnéticos artificiais de alta frecuencia, como as redes de telefonía móbil e dispositivos da tecnoloxía sen fíos”. “Cómpre atender o impacto local provocado polas antenas base de telefonía móbil, un feito que provoca preocupación “ engade Del Río.

Imaxe da protesta veciñal desde a bancada do BNG

“A nova lei do PP pretende anular as competencias dos Concellos para regular no seu territorio a instalación destas infraestruturas”, explica o voceiro nacionalista. “Diferentes sentenzas do Tribunal Supremo xa recoñeceron a competencia municipal de protección sanitaria á poboación para reducir niveis de exposición aos campos electromagnéticos, e sinalaron medidas adicionais de protección fixando limiares de exposición menores e espazos protexidos no planeamento urbanístico” recorda o edil do BNG.

“Con esta lei, PP, PSOE e CiU apostaron descaradamente por desregular o público favorecendo o despregue de antenas de telecomunicacións para beneficio das empresas como único obxectivo, sen atender nin ao principio de precaución nin aos intereses xerais da saúde pública e protección do medio”, lamenta o voceiro do BNG. Así, desde o BNG cuestionan que se eliminen as competencias autonómicas e municipais e se abra a porta a que as operadoras poidan expropiar as azoteas dos edificios para colocar as súas antenas.

“En Betanzos coñecemos moi ben o resultado de que se desregule este problema e as empresas poidan campar ás súas anchas”, recordou Del Río. O nacionalista recordou como o PSOE consentíu a construcción, sen licenza, dunha antena na Lanza (Tiobre), como a veciñanza denunciou outra antena sen licenza de obras en Viraventos e como a presión veciñal e as xestións do BNG evitaron que se colocase unha antena sobre un edificio no centro da cidade. “Está visto que se houbera trinta operadores, trinta antenas deixaba colocar o goberno local do PSOE en lugar de racionalizar a súa instalación”, ironizou.

Por este motivo, a moción dos nacionalistas propón demandar á Xunta que o desenvolvemento das telecomunicacións se faga garantindo a saúde e atendendo as recomendacións de organismos internacionais e entidades civís. O BNG demandará novamente ao goberno local do PSOE que convoque unha comisión á que asistan técnicos e representantes veciñais para regular a instalación das antenas para aprobar en tres meses unha ordenanza que impida que sexan colocadas en calquera sitio atendendo exclusivamente aos intereses das grandes empresas.

O BNG reclama que Betanzos regule a colocación de antenas de telecomunicacións