O BNG reclama ao PSOE unhas tarifas sociais para o comedor escolar

O BNG reclama ao PSOE unhas tarifas sociais para o comedor escolar

Reclama ao PSOE que explique por que non pide ás empresas que optan a facerse co comedor escolar estar ao corrente de pagos con Facenda e Seguridade Social. “É un feito estrano”.

Betanzos, 28 de xuño de 2013. O BNG denunciou no Pleno do pasado martes que os pregos para a contratación do servizo de comedor escolar, aprobados polo executivo do PSOE, non exixen ás empresas que opten ao contrato estar ao día nos pagos á Seguridade Social e con Facenda.

“En todos os contratos coa administración publica é o normal, e máis nos tempos que corren”, explicou a concelleira do BNG María Otero. “Sen embargo, para o goberno local do PSOE parece que isto non ten importancia" lamentan os nacionalistas.

“Non lles parece lamentábel premiar a empresas que non cumpren coas suas obrigas co erario publico e os seus traballadores?” interpelou a edil do BNG, que reclamou do PSOE que esclareza “cales son os motivos” deste “feito estrano”.

Desde o BNG explicaron que ademais o goberno local non fixo aínda proposta ningunha de regulamento para aprobar unhas taxas de comedor escolar. "Para que unha administración poida cobrar por un servizo é imprescindíbel, como todo o mundo sabe, ter aprobadas unhas taxas", informou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“É un proceso que require unha aprobación inicial, un período de exposición pública e unha aprobación definitiva”, explicou. “Isto quere dicir como mínimo un par de meses, o cal quere dicir que vai chegar o momento de matricularse e solicitar o servizo de comedor e as nais e pais non van saber que prezo vai ter o servizo”, asegurou.

“A non ser que o goberno do PSOE estea facendo o tempo e pretenda aplicar a táboa tarifaria que fixou a Xunta para os seus comedores escolares”, apuntou. Estas tarifas da Xunta instauran o copago do servizo. "Nunha xuntanza que tivemos con representantes da ANPA para valorar presentar alegacións a este regulamento o BNG xa lles espuxo a nosa preocupación por esta posibilidade", lembra o voceiro nacionalista.

Os nacionalistas lembraron que o PSOE criticou no Pleno as tarifas aprobadas pola Xunta para os comedores escolares. “Isto non quere dicir nada, porque en maio do pasado ano criticaron a suba das taxas nas escolas infantís da Xunta e en xuño pretenderon impoñela na escola infantil de San Francisco”, indicou.

"A xestión privada do servizo de comedor non é o modelo do BNG, mais entendemos que neste momento, e debido as leis que tanto PSOE como PP aprobaron impedindo a contratación de persoal novo nas administracións non había outra opción", criticou Del Río. “Isto seria un avance con respecto á situación anterior na que a ANPA se estaba facendo cargo de xestionar o servizo de comedor, que non é a súa responsabilidade, mais non se debe perder de vista que quen tiña que asumilo en realidade é a Xunta”, recordou. “Pero a Xunta dedícase ultimamente a desmantelar servizos públicos, non a crealos”, concluíu.