O BNG reclama ao PSOE que redacte un novo orzamento de forma participativa e axustado á realidade

O BNG reclama ao PSOE que redacte un novo orzamento de forma participativa e axustado á realidade

Henrique del Río e María Otero, edís do BNG

Os nacionalistas reclaman que o PSOE fixe nos orzamentos a cantidade necesaria para asumir o copago farmacéutico. “Que demostren que van en serio neste tema, que dean o paso e o inclúan nos orzamentos para demostrar que é algo máis que propaganda para ‘ir de progres’”.

Betanzos, 15 de novembro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que redacte un orzamento para 2014 contando coa participación da veciñanza. “É obvio que a realidade cambiou moito desde que se aprobaron os últimos orzamentos hai ano e medio e Betanzos precisa uns orzamentos adaptados á realidade do momento actual”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“Estamos na metade do mes de novembro, Xunta e goberno central están aprobando as súas contas e modificando as achegas aos concellos e é imposíbel facer un control do gasto ou planificar investimentos cunhas contas de hai ano e medio que non recollen estas cousas”, indicou o voceiro nacionalista. “Agardamos que o goberno do PSOE non pretenda saltarse a Lei outra vez e manter prorrogado un ano máis o orzamento de 2012”, insistiu.

Así, os nacionalistas advirten que as contas do 2012, que precisaron de 33 modificacións nos tres meses que estiveron vixentes, “non solucionan os problemas actuais”. “A conta xeral do 2012 demostrou até que punto o orzamento era ficticio e non reflexaba a realidade”, asegura o edil do BNG.

Os nacionalistas reclaman que o novo orzamento se faga de xeito participativo, “contando coa opinión da veciñanza e non de costas a ela, como sucedeu en 2012”. Advirten ao goberno do PSOE de que “participación veciñal non é crear consellos sectoriais sen competencias, senón que veciñanza e entidades poidan achegar propostas concretas e opinar sobre o contido dos orzamentos”.

Neste sentido, desde o BNG insisten en que “facer un orzamento participativo é garantía de maior transparencia, porque a veciñanza pode saber a que se pretenden destinar os seus cartos”. “Máis transparencia e maior participación veciñal son garantía dunha mellor democracia”, explica Del Río.

“Por este motivo o PSOE negouse a facer un orzamento participativo hai ano e medio, non estaban dispostos a desvelar en que pretendían gastar os cartos públicos”, indica o voceiro nacionalista.

Os nacionalistas advirten que xunto á participación veciñal, o orzamento municipal debe garantir o gasto social e programas de emprego. “A pesar dos fondos destinados ao emprego en 2012, o PSOE non levou adiante unha soa iniciativa para tratar de crear emprego na cidade”, lamenta. “A non ser que contratar irregularmente unha secretaria para organizar as festas de agosto sexa a súa idea de programas de fomento do emprego”, ironizou.

Neste sentido, o BNG reclama ao PSOE que adapte os gastos de persoal á realidade. “Se xa eran irreais no 2012, a estas alturas calquera parecido coa realidade é unha coincidencia”, ironiza o voceiro nacionalista. “Os orzamentos teñen que prever as axudas sociais e solucionar dunha vez o problema laboral dentro do Concello, que a actitude do PSOE só enquistou e agravou”, explican.

Os nacionalistas reclaman, ademais, que o PSOE fixe nos orzamentos a cantidade necesaria para asumir o copago farmacéutico se a Xunta teima en impoñelo. “Que demostren que van en serio neste tema, que dean o paso e o inclúan nos orzamentos para demostrar que é algo máis que propaganda para ‘ir de progres’”, conclúen.

O BNG reclama ao PSOE que redacte un novo orzamento de forma participativa e axustado á realidade