O BNG reclama ao PSOE que aclare o que pretende facer co tráfico e estacionamento no Casco Histórico

Imaxe da praza esta mañá
O BNG reclama ao PSOE que aclare o que pretende facer co tráfico e estacionamento no Casco Histórico

Imaxe da praza esta mañá

“Non nos parece de recibo que non fagan nada para aplicar a ordenanza de tráfico en vigor nin propoñan outra alternativa se non están de acordo coa actual”.

Betanzos, 30 de decembro de 2014. O BNG trasladou de novo ao Pleno a situación do aparcamento no Casco Histórico. “Hai practicamente un ano o PSOE lanzou a ocorrencia do ‘parking express’ para as prazas e rúas peonís do Casco Histórico, mais desde aquelas non volvimos ter máis información e mentres seguese incumprindo todos os días a ordenanza de tráfico sen que o goberno local tome medida ningunha para facela cumprir”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“O obxectivo do goberno local coa súa ocorrencia de ‘parking express’ era legalizar o estacionamento que se leva producindo nestas rúas comerciais desde que gobernou o PP” indican desde o BNG. “Sen embargo, como é habitual, quedou nun anuncio e, sen que se modificase a ordenanza de tráfico, o goberno local tolera todo este estacionamento indebido a costa do comercio, o patrimonio e os investimentos realizados no Casco Histórico por Concello, Xunta e Deputación para poñelo en valor”, criticou o voceiro nacionalista.

“Non sabemos se pensan continuar co seu proxecto de permitir o estacionamento indiscriminado no Casco Histórico nin explicaron exactamente cal é o modelo que defenden para o Casco Histórico”, indicou Del Río. O voceiro nacionalista solicitou do goberno local que resuma “en cinco frases que non sexan lugares comúns” cal é o seu Plan para o Casco Histórico.

Os nacionalistas reclamaron de novo ao goberno local do PSOE transparencia e pedironlle que se reúnan con toda a veciñanza do Casco Histórico para explicarlles que pretenden facer. “Non nos parece de recibo que non fagan nada para aplicar a ordenanza de tráfico en vigor nin propoñan outra alternativa se non están de acordo coa actual”, aclarou Del Río. “A situación é preocupante xa que os coches invaden todas as prazas e rúas do Casco Histórico, en moitos casos sen deixar espazo para o paso de peóns por rúas que supostamente son peonís e o PSOE non toma ninguna medida máis que deixar que pase o tempo” conclúen.

O BNG reclama ao PSOE que aclare o que pretende facer co tráfico e estacionamento no Casco Histórico