O BNG reclama ao goberno local que retire os coches abandonados

O BNG reclama ao goberno local que retire os coches abandonados

Henrique del Río é o voceiro do BNG

“Na Ribeira e o Malecón hai varios, e a veciñanza do barrio di que o goberno local non fixo nada a pesar de que lle trasladaron esta situación”

Betanzos, 17 de xaneiro de 2015. O BNG reclamou ao goberno local que retire os coches abandonados que hai en varios puntos da cidade. “Na Ribeira e o Malecón hai varios, e a veciñanza do barrio di que o goberno local non fixo nada a pesar de que lle trasladaron esta situación”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Ademais de inutilizar prazas de estacionamento, estes vehículos abandonados poden chegar a supoñer un perigo para a saúde e para o medio”, explican os nacionalistas. Por este motivo, demandan do goberno local que proceda á súa retirada de inmediato, pois “sobra normativa que aplicar para sacalos das rúas”.

“Unha cousa é que retirar un coche abandonado da rúa conleve un proceso administrativo algo farragoso e outra moi diferente é que se deixen estar na rúa”, advirten os nacionalistas. Desde o BNG denuncian que ao goberno local do PSOE “este asunto só lle leva idea cando xunta varias deceas de coches e o asunto dálle xa para un par de comunicados de prensa”.

“Cada dous anos, e pode comprobarse na web municipal, o PSOE acórdase do asunto para anunciar que vai retirar varios coches da rúa cando abre o expediente e outro comunicado, aos seis meses, dando conta de que xa os quitou”, aseguran os nacionalistas. “O PSOE ten máis interese en facer propaganda do tema que en retirar os coches das rúas para evitarlles molestias á veciñanza”, lamenta Del Río.

O BNG reclama ao goberno local que retire os coches abandonados