O BNG reclama ao goberno local que repare os peiraos

O BNG reclama ao goberno local que repare os peiraos

“Malia os numerosos plans propagandísticos do goberno do PSOE, o certo é que chegou outro verán e non se melloraron nada estas cuestións desde que hai dous anos o Pleno aprobou unha moción do BNG sobre este asunto”.

Betanzos, 23 de xullo de 2013. O BNG reclamou ao goberno local que repare os distintos peiraos situados nos ríos e na ría. “Coa chegada do verán é evidente que os peiraos teñen moita máis actividade e o estado de algúns compromete a seguridade dos veciños e veciñas que se dispoñen a pasar unha xornada de lecer no río”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas recordaron que en decembro de 2011 o Pleno aprobou unha moción do seu grupo neste sentido, sen que, despois de varios anos, o executivo do PSOE actuase para reparar “o deficiente estado de conservación do pavimento e os muros dos paseos, así como as numerosas eivas que presentan as escadas e puntos de amarre dos distintos peiraos”.

“Malia os numerosos plans propagandísticos do goberno do PSOE, o certo é que chegou outro verán e que moitos dos nosos veciños gozan o seu tempo de lecer no río e non se melloraron nada estas cuestións, senón todo o contrario” indica o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.

“Se o goberno local do PSOE non tiña ningunha intención de reparar os peiraos para mellorar a seguridade e o lecer da veciñanza, non entendemos por que votaron a favor da nosa moción”, ironiza. Os nacionalistas chaman a atención sobre o deficiente estado de conservación das distintas zonas de lecer do municipio. “Sobre todo neste tempo, en que a veciñanza sae á rúa para o seu tempo de lecer, o goberno local debera facer un esforzo por manter en condicións os espazos públicos”, indican.

Neste sentido, desde o BNG tamén chaman a atención sobre a situación do porto de Betanzos. Os nacionalistas reclaman ao executivo local do PSOE que amañe a balaustrada de madeira, os xardíns e elementos de amarre do peirao agora que é competencia municipal. “O PP de Faraldo pediu e recibiu da Xunta a titularidade do porto sen preocuparse de se o Concello ía ter cartos e medios abondo para o mantemento do espazo”, indica o voceiro do BNG. “Pero agora é cousa municipal e o goberno local debe actuar, porque senón en cinco anos todos os cartos públicos que se gastaron no porto van ir parar ao esteiro”, ironiza.

Os nacionalistas suxeriron naquela ao goberno local que se dirixira á Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que o perímetro marítimo-fluvial de Betanzos precisa, así como para retirar as árbores que se atopan ao longo do curso do Mandeo e comprometen a navegación.