O BNG reclama ao goberno que desbroce para garantir a seguridade na Cañota

O BNG reclama ao goberno que desbroce para garantir a seguridade na Cañota

Un grupo de piraguas polo Mandeo

“Non ten moito sentido pedir aos particulares que extremen as precaucións ante o lume e que o Concello e as empresas que contrata depositen material inflamábel contra un centro educativo no Pasatempo”.

Betanzos, 8 de agosto de 2013. O BNG trasladou ao Pleno as demandas de veciñas e veciños das rúas da Cañota e o Pozo, que amosan “a súa preocupación polo estado que presentan varias leiras abandonadas e a monte nas inmediacións dos seus domicilios”.

Segundo explicou a nacionalista María Otero, estas persoas “aseguran que xa trasladaron a súa preocupación ao goberno local, debido ao perigo de incendio que presentan estas silveiras e matogueiras a carón das vivendas”. “Mais tamén, e como ven sendo tristemente habitual, asegúrannos que o goberno local non actuou para solucionar este problema malia existir medios humanos e técnicos no Concello e normativa suficiente para intervir”, denunciou.

Os nacionalistas exixiron ao goberno local do PSOE que actúe “de inmediato” para solucionar esta situación. “Cre o alcalde que publicando un bando sobre esta cuestión xa está todo feito?”, ironizou a concelleira do BNG, que lamentou que “a este problema, que afecta a todo o municipio, nin sequera lle dedican un plan deses que non pasan da propaganda”.

Restos de poda con perigo de incendio no Pasatempo

Un grupo de pais e nais do alumnado da escola infantil “Galiña Azul” trasladou aos nacionalistas a súa preocupación polo “amoreamento de restos de poda do Pasatempo a carón da escola”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Non ten moito sentido pedir aos particulares que extremen as precaucións ante o lume e que o Concello e as empresas que contrata depositen material inflamábel contra un centro educativo”, indicou.

Se existe un punto limpo ao que levar estes restos e aos particulares se lles quere mentalizar da necesidade de utilizalo “non nos parece normal que o Concello amoree estes restos en calquera sitio”, explicou o nacionalista, “ademais da imaxe de descoido que transmitimos da nosa cidade”.

Os nacionalistas lamentaron que o goberno local decidise podar en pleno verán as árbores do Pasatempo. “Calquera persoa sabe que a poda faise no inverno para non danar as árbores” indicou o voceiro nacionalista. “No único que aforra o PSOE é en mantemento de árbores, corta e punto; é coma George Bush cando dixo que para acabar cos incendios forestais había que talar as fragas”, denuncian desde o BNG. “Esperemos que non sequen as árbores como consecuencia destas decisións tomadas sen pensar e non haxa que gastar aínda máis en repoñelas”, concluíron.

O BNG reclama ao goberno que desbroce para garantir a seguridade na Cañota