O BNG propoñerá no Pleno a dinamización da biblioteca municipal

O BNG propoñerá no Pleno a dinamización da biblioteca municipal

O grupo municipal do BNG

“Trátase de adaptar a biblioteca municipal ao papel que neste momento deben xogar as bibliotecas públicas como espazo cultural e dinamizador máis cercano á veciñanza”.

Betanzos, 20 de setembro de 2013. O BNG presentou unha moción, para o seu debate no Pleno do vindeiro martes, para reclamar ao goberno local do PSOE a dinamización da biblioteca municipal Castelao cun ciclo permanente de actividades de fomento da lectura. Na súa moción os nacionalistas tamén reclaman a actualización dos fondos e informatizar a súa base de datos, “Trátase, en definitiva, de adaptar a biblioteca municipal ao papel que neste momento deben xogar as bibliotecas públicas como espazo cultural e dinamizador máis cercano á veciñanza”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Os nacionalistas propoñen habilitar un sistema de empréstito a través dos locais sociais das parroquias, de forma que o servizo bibliotecario chegue tamén ás diferentes parroquias do concello. “Moitos destes locais sociais están infrautilizados ou en desuso e tampouco se facilita un servizo de empréstito bibliotecario nin ningunha outra actividade de animación á lectura ou dinamización cultural na zona rural de Betanzos, polo que con esta medida tamén se estarían dinamizando os locais sociais e dotando de novos contidos”, indican os concelleiros Henrique del Río e María Otero.

“Resulta sorprendente a pouca interrelación da biblioteca municipal coas dos centros escolares e a ausencia de actividades de fomento da lectura coorganizadas entre elas” aseguran os edís do BNG na súa moción. Os nacionalistas propoñen que o Concello subscriba “un convenio cos centros educativos do noso concello para o uso das súas bibliotecas fóra do horario docente”.

Para facilitar o traballo ás persoas que optan por estudar nas dependencias da biblioteca municipal, desde o BNG reiteran a demanda de habilitar unha aula de estudo, cun horario suficientemente amplo, sobre todo nas épocas de exames, para facilitar o seu uso polos estudantes do noso concello. “Desta forma quedaría espazo na biblioteca para actividades de dinamización e fomento da lectura”, explica o voceiro nacionalista.

Desde o BNG propoñen actividades como visitas guiadas de escolares, a edición dun boletín informativo co que achegar a biblioteca á veciñanza en xeral, a instalación de expositores coas últimas novidades ou fondos a destacar, unha correcta rotulación dos andeis e colocación dos libros... “Son melloras que non exixen do desembolso de grandes cantidades de cartos públicos e que dependen, máis ben, da vontade do goberno”, advirten Del Río e Otero na súa proposta, na que recordan que para este tipo de actividades, “as instalacións da biblioteca poden resultar algo secundario”.

Os nacionalistas suxiren que dentro da biblioteca se organicen obradoiros de escrita creativa, encontros con escritores ou ilustradores, exposicións didácticas sobre obras ou autores, presentación de novidades, contacontos, organización de lecturas dramatizadas ou librofórums, concursos de adiviñas, contos ou recollida de literatura popular ou actividades de creación colectiva. “A biblioteca conta con espazos aos que se lle pode tirar moito máis partido sen grandes sumas de cartos públicos” insisten os nacionalistas.

O BNG lamentou que o PP presente unha moción identica á que se negou apoiar no pleno anterior

O BNG lamentou que o PP presente para o seu debate o vindeiro martes unha moción idéntica a unha que presentaron os nacionalistas o mes pasado para reclamar que se cubran as baixas na policía local e no servizo de limpeza do colexio. “O PP evitou apoiar a proposta do BNG porque era do Bloque e ven este mes exactamente coa mesma proposta para dicir que era súa”, indicou o voceiro do BNG. “O PP antepón asinar a proposta, o seu propio interese electoral, a solucionar un problema”, asegurou.

O BNG propoñerá no Pleno a dinamización da biblioteca municipal