O BNG propón refacer o proxecto do paseo do Mandeo para que sexa unha senda ambientalmente sostíbel

O BNG propón refacer o proxecto do paseo do Mandeo para que sexa unha senda ambientalmente sostíbel

O proxecto do paseo a carón do Mandeo non contempla eliminar a flora invasora

As entidades ecoloxistas indican que para facelo respectuoso ambientalmente habería que suprimir elementos cun elevado impacto ambiental como os desmontes e movementos de terras, escolleiras, a canalización nova de augas fecais na liña de marea, as pasarelas de madeira ancladas en zapatas de formigón de grande volume ou os puntos de iluminación entre brañas e fraga de galería.

Betanzos, 24 de xuño de 2016. O BNG propoñerá no Pleno modificar o proxecto do paseo entre As Monxas e os Caneiros, atendendo ás indicacións da Defensora del Pueblo e dos colectivos ecoloxistas da comarca, que se amosaron moi críticos co proxecto aprobado por PSOE e PP en agosto de 2014.

As nacionalistas recordan que as entidades ecoloxistas cuestionaban elementos incluídos no proxecto do paseo cun elevado impacto ambiental como os desmontes e movementos de terras na zona da fonte dos Ánxeles, as escolleiras, a canalización nova de augas fecais na liña de marea, a instalación de pasarelas de madeira ancladas en zapatas de formigón de grande volume ou de puntos de iluminación entre brañas e fraga de galería, entre outros puntos críticos.

A Defensora del Pueblo, pola súa parte, amosouse alarmada polo impacto ambiental do proxecto, ao punto de solicitar ao Concello que lle faga chegar “un informe sobre as medidas preventivas e corretoras previstas no Plan de vixilancia ambiental”. “É un documento que non constaba no expediente e que até onde sabemos non existe, pois non se nos achegou tampouco despois do reproche da alta comisionada parlamentaria” engade o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Desde o BNG recordan que o proxecto tal e como foi aprobado por PSOE e PP en agosto de 2014 ten un custo de “case 200 000 euros por quilómetro” e advirten que de executarse vai supoñer “estragar 543 000 euros nun paseo de madeira na beira do río, dentro da liña de marea, que vai ter un custo de mantemento imposíbel de asumir polo Concello”, “Abonda remitirse ás experiencias do mantemento da Ponte de Madeira do Xuncaliño ou as barandas da Galera ou o Porto para extrapolar” ironiza Del Río.

Por este motivo, demandarán no Pleno que se reformule o proxecto, mudándoo por unha senda ambientalmente respectuosa e contando coa participación de veciñanza e entidades ambientais e veciñanza. “Logo de eliminar os puntos agresivos ambientalmente, se sobran cartos do convenio aprobado, propoñemos que se renegocie coa Deputación o seu destino, para non perdelos e para poder destinalos á rehabilitación e reurbanización do Casco Histórico” conclúen.