O BNG propón outorgar todas as subvencións do Concello en convocatoria pública

O BNG propón outorgar todas as subvencións do Concello en convocatoria pública

ELECCIONS MUNICIPALES 2015 BNG BETANZOSOs nacionalistas cuestionan que o alcalde utilizase axudas ‘a dedo’ de máis de 100 000 euros públicos para facer unha foto o primeiro día de campaña.

Del Río: “defendemos que se os cartos son de todas, todas teñamos igualdade de trato no acceso ás subvencións”

Betanzos, 9 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propón outorgar todas as axudas do Concello en base a convocatorias públicas con criterios obxectivos. “A veciñanza ten que saber en base a que criterios e buscando que finalidades se lle entregan os cartos de todas e todos ás asociacións”, explicou o candidato nacionalista, Henrique del Río.

Neste sentido, o BNG-Asembleas Abertas recolle no seu programa de goberno que “bases reguladoras con criterios obxectivos e regrados” rixan “todas as convocatorias de axudas e subvencións” do Concello. A finalidade é asegurar “unha concorrencia igualitaria, que erradique toda discrecionalidade na asigación de fondos públicos a clubes deportivos, asociacións culturais, organizacións asistenciais ou entidades veciñais”.

“Cando remate a tempada deportiva é o momento de convocar as axudas para os clubes, e antes do inicio de cada curso convocaremos as axudas ás entidades culturais, veciñais, etc, para que poidan planificar axeitadamente as súas actividades”, explica Del Río.

Neste sentido, os nacionalistas avogan por “limitar as subvencións 'a dedo' a aqueles casos moi concretos onde só haxa unha entidade que actúe no sector, como o caso actual da ANPA coas actividades extraescolares ou de ACEBE con accións de dinamización comercial, por exemplo”.

Estas medidas serán complementadas coa creación dunha nova páxina web municipal que facilite o acceso a información e os servizos para a veciñanza e as entidades. “A actual web practicamente é só propaganda do goberno municipal”, lamentan desde BNG-Asembleas Abertas.

Críticas ao reparto de fondos públicos en campaña electoral

Os nacionalistas cuestionan que o alcalde utilizase axudas ‘a dedo’ de máis de 100 000 euros públicos para facer unha foto o primeiro día de campaña. “Cando dicimos que as axudas ‘a dedo’ eran para vender favores e facer electoralismo é por algo e este tipo de fotografías pagadas cos cartos de todas e todos o demostran”, indica Del Río. “O PP faino na Xunta e o PSOE no Concello, electoralismo con fondos públicos. É unha práctica clientelar propia doutros tempos e carente de toda ética política”, criticou Del Río.

“Nesta lexislatura o PSOE repartiu máis de 100 000 euros en axudas a dedo, sen criterios obxectivos mentres que só destinou 20 000 euros para unha convocatoria pública de axudas ás entidades que o PSOE non bendiciu co ‘dedazo’” explica Del Río. “O goberno non pode establecer diferenzas entre clubes e asociacións facendo que haxa entidades de primeira e de segunda. Por iso desde o BNG-Asembleas abertas defendemos que se os cartos son de todas, todas teñamos igualdade de trato no acceso ás subvencións”, concluíu.

O BNG propón outorgar todas as subvencións do Concello en convocatoria pública