O BNG propón comezar o viveiro de empresas con cargo ao POS

O BNG propón comezar o viveiro de empresas con cargo ao POS

O grupo municipal do BNG

“Con 1212 persoas sen emprego rexistradas ao rematar setembro o Concello ten que aplicarse a fondo en buscar novas alternativas de emprego para a veciñanza e deixarse de estar dilapidando cartos e recursos en festexos varios”

Betanzos, 14 de outubro de 2013. O BNG propuxo esta mañá aproveitar os fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación para construír unha nave para albergar o viveiro de empresas. “O Concello ten varias parcelas no polígono de Piadela” explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, que recordou que “o PP malvendeu algunha no seu momento e o actual goberno quixo malvender as que quedan”.

A alternativa do BNG, indica, é que o Concello faga uso delas construíndo unha ou varias naves nunha delas. Con esta nova instalación obteríase un espazo para gardar todo o parque móbil municipal sen alugar dependencias como actualmente acontece. “E contaríase co edificio no que ubicar o viveiro de empresas que o Pleno acordou crear a instancias do BNG”, indica.

Os nacionalistas insisten en que, “con 1212 persoas sen emprego rexistradas ao rematar setembro o Concello ten que aplicarse a fondo en buscar novas alternativas de emprego para a veciñanza e deixarse de estar dilapidando cartos e recursos en festexos varios”.

Ademais, os nacionalistas suxiren aproveitar outra parte do plan inversor para realizar diversas melloras na escola infantil municipal de San Francisco. “Os pais e nais téñennos trasladado a necesidade de habilitar un espazo cuberto para deixar os carros dos bebés os días de chuvia” indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que ademais apunta a necesidade de “cubrir unha parte do patio para que os nenos e nenas poidan saír os días de chuvia así como renovar os xogos infantís de acordo coa normativa vixente”.

“Esta proposta xa a levamos ao Pleno en 2011, e a pesar das promesas e boas palabras do goberno local, o certo é que o PSOE non fixo absolutamente nada neste tema”, recordou.

O BNG quere recuperar o tímpano da porta da Ribeira co POS

O BNG propón tamén rehabilitar con cargo ao POS o tímpano da porta da Ribeira, unha obra “que precisa unha urxente intervención” segundo o voceiro dos nacionalistas. A rehabilitación do tímpano da porta medieval tamén foi proposta polo BNG para o POS do 2011, pero nin nese ano nin en ningún outro o PSOE considerou levar adiante esta actuación e frear o deterioro deste retábulo.

“Entendemos que unha parte do POS debera destinarse sempre a actuacións no Casco Histórico para rehabilitalo, poñelo en valor e crear emprego co seu desenvolvemento cultural e turístico”, indican.

Do mesmo xeito, os nacionalistas aseguran que “un plan de obras ten que financiar investimentos, e que para o gasto corrente o Concello ten que contar cos seus propios recursos”. Neste sentido, desde o BNG indican que son o único grupo que sempre defendeu destinar o 100% do POS a investimentos mentres PSOE e PP xustificaban, segundo estivesen no goberno ou na oposición, desaproveitalo para financiar gasto corrente.

O BNG propón comezar o viveiro de empresas con cargo ao POS