O BNG propón que o bus pare no entorno da ponte do Carregal os días de feira

O BNG propón que o bus pare no entorno da ponte do Carregal os días de feira

bus adaptado 2Sería unha medida provisoria mentres duren as obras no entorno do convento de San Domingos. Hai queixas d@s viaxeir@s pola falta de información sobre a reubicación das paradas.

Betanzos, 27 de febreiro de 2015. O BNG propuxo no Pleno que o goberno local resitúe a parada do bus os días de feira na ponte do Carregal. “Desde que comezou a obra fronte á biblioteca o goberno levou a parada do bus á rotonda das Cascas, a carón do mosteiro de Donas”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Isto, ao parecer, non foi trasladado da forma axeitada ás empresas concesionarias, que non saben onde teñen que parar e en consecuencia tampouco son capaces de informar aos clientes, co conseguinte prexuízo” relata o edil do BNG. Esta situación, segundo as queixas que recibiu o BNG, “xera un prexuízo a quen ven usando o transporte público para vir á feira, fundamentalmente xente maior de toda a comarca e que ademais van cargadas”, relatou.

Os nacionalistas preguntaron no Pleno “en base a que criterio o goberno local levou a parada do autobús para as Cascas en lugar de situala, por exemplo, nas inmediacións da ponte do Carregal que queda moito máis céntrico”. “O emprazamento elixido polo goberno local nestes meses de inverno é todo un impedimento para que a xente veña á feira usando o transporte público”, entenden no BNG.

“Polo que parece, a obra aínda non vai estar rematada para a feira do día 1” indican desde o BNG. Por este motivo, os nacionalistas propuxeron no Pleno que se delimite “un espazo no Carregal de forma que o bus pare nas inmediacións da ponte sobre o Mendo”. “Non é o mesmo subir desde a Feira Nova ao Campo que facelo desde As Cascas”, engade Del Río.

“Se o servizo non é útil a quen o usa, perden as persoas que viaxan no autobús, perden tamén as compañías pero sobre todo sae perdendo Betanzos”, engade o portavoz do BNG. “Así malamente as feiras van poder funcionar como reforzo do comercio local”, lamenta.

O BNG propón que o bus pare no entorno da ponte do Carregal os días de feira