O BNG presenta o seu Plan para o Casco Histórico

Os nacionalistas presentan 39 medidas avaladas pola experiencia do BNG en Pontevedra ou Allariz e por expertos en patrimonio para revertir a situación do centro histórico. “Estes anos o goberno de María Faraldo situouse como espectador do que acontecía na zona monumental e iso en realidade é ser cómplice do proceso de degradación”.

O BNG presenta o seu Plan para o Casco Histórico

Os nacionalistas presentan 39 medidas avaladas pola experiencia do BNG en Pontevedra ou Allariz e por expertos en patrimonio para revertir a situación do centro histórico. “Estes anos o goberno de María Faraldo situouse como espectador do que acontecía na zona monumental e iso en realidade é ser cómplice do proceso de degradación”.

Betanzos, 29 de abril de 2011. O BNG presentou esta mañá as súas propostas para a recuperación integral do Casco Histórico de Betanzos. O candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, deu a coñecer o plan deseñado polo BNG para a rehabilitación do conxunto monumental da cidade. En concreto, son 39 propostas encamiñadas a dinamizar social, cultural e economicamente o que para os nacionalistas é “o motor que ten que tirar do progreso de Betanzos”. Acompañaron ao voceiro do BNG na presentación Xosé Vales e María Otero, integrantes da candidatura nacionalista.

Para o BNG “a zona monumental non foi unha prioridade para o goberno de María Faraldo”. Del Río baseou esta afirmación nos investimentos realizados polo executivo conservador no mandato que finaliza. Aludiu, ademais, ao “paradoxo de que as tres actuacións sobre o patrimonio histórico que se adxudica María Faraldo son en realidade tres proxectos que o BNG deixou en marcha cando saíu do goberno”, en alusión ao amaño de seis rúas no Casco Histórico e as actuacións dos dous obradoiros de emprego que actuaron sobre o Matadoiro e o río dos Pelamios.

No Plan presentado esta mañá polos nacionalistas- e dispoñíbel para descarga na súa web- foron tidas en conta as achegas da Asociación de Amigos do Casco Histórico, de arquitectos vencellados ao patrimonio e de outros expertos en xestión do patrimonio cultural. Ademais, tamén pesou a experiencia do BNG á hora de recuperar conxuntos monumentais tanto en Betanzos coma noutras cidades e vilas coma Santiago, Pontevedra, Ribadeo ou Allariz. Neste sentido, Henrique del Río destacou que “o BNG é unha marca de calidade para falarmos de recuperación de cascos históricos”. O candidato nacionalista indicou que “os concellos do BNG son concellos de premio” en alusión aos recoñecementos acadados na recuperación patrimonial en varios municipios gobernados polo BNG, sobranceando Allariz. “Mesmo Betanzos tivo unha mención da Unión Europea nun proxecto que deseñou o BNG para recuperar a zona da rúa Nova” apuntou o voceiro nacionalista.

“O BNG defende a implicación directa do goberno local na recuperación do Casco Histórico” explicou o candidato nacionalista, para o que “estes anos o goberno de María Faraldo situouse como espectador do que acontecía na zona monumental e iso en realidade é ser cómplice do proceso de degradación”. Por este motivo, entre as 39 medidas contempladas polos nacionalistas no seu plan atópanse desde a redación dun novo Plan de Protección, a creación dunha rede de establecementos hosteleiros nos que non descartan a participación pública ou unha liña de axudas para baixos comerciais. Ademais, o BNG quere adquirir a Torre de Lanzós para abrir un centro de interpretación do Casco Histórico, facer da Casa Gótica un centro sociocultural con aulas de estudo para a mocidade e deseñar estacionamentos específicos para os residentes na zona monumental.

O BNG presenta o seu Plan para o Casco Histórico