O BNG pide a retirada dos coches do Casco Histórico

O BNG pide a retirada dos coches do Casco Histórico

Ante a resistencia pasiva do goberno de PP e CxB a facer cumprir a normativa vixente e permitir estacionamentos indebidos en prazas e rúas peonís do Casco Histórico. O estacionamento e tránsito repercute na actividade diaria e no proceso de recuperación do conxunto histórico.

Betanzos, 22 de outubro de 2009. Desde que María Faraldo ocupa a alcaldía de Betanzos, a normativa de tráfico que rixe no Casco Histórico non se cumpriu un só día. Á vulneración do horario de carga, descarga e paso polas rúas do Castro e Travesa únese a tolerancia co estacionamento nestas mesmas rúas e nas prazas de Lanzós, Constitución e Fernán Pérez de Andrade.

Esta pasividade foi denunciada en numerosas ocasións polo BNG, xa que ten coma resultado, xunto coa inseguridade para viandantes, residentes e negocios que non saben nunca a que aterse co tránsito rodado, o deterioro duns pavimentos que non están pensados para soportar vehículos estacionados.

Esta situación volveu a ser levada ao Pleno polo BNG na última sesión que celebrou a Corporación. O voceiro nacionalista, Xabier López, indicaba que “malia o acordo que tomou este pleno sobre o carácter peonil da praza Fernán Pérez de Andrade, popularmente coñecida coma praza do Lastras, dun tempo a esta parte o referido entorno volve estar cheo de coches a toda hora e baixo calquera circunstancia”. Tras isto, o edil nacionalista interpelaba ao goberno local sobre os motivos de “semellante desidia á hora de cumprir os acordos plenarios e a normativa vixente?”

O PP non quere debatir co BNG dos problemas de tráfico no Casco

Esta mesma demanda foi levada moitas máis veces ao Pleno polos concelleiros do BNG. Así, no Pleno ordinario de setembro de 2008, o edil nacionalista Henrique del Río interpelaba ao goberno local de PP e CxB sobre esta cuestión. “Pese ás nosas mocións, os nosos rogos e as nosas preguntas, as rúas peonís deste Concello seguen sendo lugares onde parecen non rexer as máis elementais normas de uso e de civismo, con frecuentes estacionamentos indebidos (suliñadamente na Porta da Vila), circulación fóra das horas de carga e descarga e mesmo tránsitos en dirección prohibida” denunciaba o representante do BNG, para preguntar se “pensa abordar debidamente a cuestión a Alcaldesa e o seu Concelleiro de Tráfico, ou teremos que resigarnos a perder un dos activos máis singulares do noso entorno monumental? Cren vostedes que contan a verdade cando na memoria do Programa ARCH –rehabilitación de vivendas no Casco Histórico- que vimos de aprobar afirman que hai rúas peatonalizadas no conxunto histórico?”

Para os nacionalistas, malia terse aprobado distintos acordos plenarios no sentido de manter as rúas peonís do Casco Histórico, o goberno local ten rexeitado facer cumprir coa normativa de tráfico no centro monumental da cidade, contribuíndo coa súa indolencia ao seu deterioro.

O BNG exixiu en varias ocasións a convocatoria da comisión de tráfico para abordar a solución a este e outros problemas da circulación no centro da cidade. “O anterior concelleiro de tráfico foise sen convocala unha soa vez e este outro, o segundo en pouco máis de dous anos, vai polo mesmo camiño” resume o voceiro nacionalista.

O BNG pide a retirada dos coches do Casco Histórico