O BNG pide precaucións ante unha casa en risco de caída na parada do bus escolar en Bellavista

O BNG pide precaucións ante unha casa en risco de caída na parada do bus escolar en Bellavista

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

“Diante dun problema similar no Mandeo, o goberno local respondeunos en outubro que 'ese inmoble está pendente de informes dos servizos técnicos para, de ser o caso, realizar os requerimentos oportunos'. Sen embargo pasaron xa tres meses e non hai absolutamente nada e o perigo para escolares, peóns e tránsito continúa”.

Betanzos, 2 de febreiro de 2015. O BNG advertiu no Pleno do perigo que representa unha vivenda ruinosa e chea de fendas a carón dunha parada do transporte escolar. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, advertiu desta situación “en Bellavista, no cruce da rúa Concepción Arenal coa Avenida de Castela, a carón do cruceiro da Cruz Verde”.

Segundo relatou o edil do BNG, trátase dunha “vivenda unifamiliar deshabitada” que “presenta fendas dun tamaño considerábel”. Esta situación xa de por si delicada, explicou, “resulta máis preocupante aínda dado que a carón desta vivenda hai unha parada do transporte escolar”.

Por este motivo, os nacionalistas urxiron ao goberno local a actuar rapidamente para “corrixir” a situación e “reducir ao mínimo o risco de incidentes e accidentes”. “Por que aínda non se fixo nada e que se agarda para actuar?”, preguntou o voceiro do BNG.

Problema similar no Mandeo

Os nacionalistas xa advertiron en setembro, tamén no Pleno, dun problema similar a este que se dá a carón da parada do autobús escolar na rúa do Mandeo. Esta vivenda con risco de desplome, “ademais dun problema para o tránsito que soporta a estrada de Obre, é un perigo para os nenos e nenas que pasan a diario baixo ella cara a parada do bus escolar, que está alí preto”, advertía daquela o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“O goberno local respondeunos en outubro que 'ese inmoble está pendente de informes dos servizos técnicos para, de ser o caso, realizar os requerimentos oportunos' explica Del Río. “Sen embargo pasaron xa tres meses e non hai absolutamente nada e o perigo para escolares, peóns e tránsito continúa”, engade.

“A este problema hai que sumar o exceso de velocidade que a veciñanza denuncia continuamente na rúa do Mandeo” explican os nacionalistas, que demandan do goberno local que tome as medidas que sexan precisas para garantir a seguridade viaria na zona.

O BNG pide precaucións ante unha casa en risco de caída na parada do bus escolar en Bellavista