O BNG pide que os pinchos de Nadal do Concello non se paguen con cartos publicos

O BNG pide que os pinchos de Nadal do Concello non se paguen con cartos publicos

“Non nos parece de recibo que non se compense a perda de poder adquisitivo dos traballadores ou que se recorte en fomento do emprego e se paguen pinchos con cartos de todos”.

Betanzos, 8 de decembro de 2012. O BNG exixiu ao goberno local do PSOE que os tradicionais pinchos de Nadal do Concello cos traballadores municipais se paguen entre todos os asistentes. “Non nos parece de recibo que se paguen pinchos con cartos de todos coa que está caendo”, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río. “Ademais, entendemos que tampouco é xusto para os traballadores do Concello que se deixe de pagar a extra de Nadal e se gasten os cartos en pinchos. O lóxico sería que eses cartos se lles diran aos traballadores como gratificacións para compensar a perda de poder adquisitivo pola supresión da extra”, indicou.

“Non nos parece asumíbel que en tempos de recortes tremendos en servizos para os veciños e veciñas se gasten cartos públicos en facer pinchos”, engadiu o voceiro do BNG, “por iso propoñemos que os pinchos de Nadal se paguen ‘a escote’ entre quen asista, e de non ser así xa anunciamos que o BNG non asistirá”, anticipou o portavoz nacionalista.

O BNG propuxo no Pleno que se estudara a maneira de compensar a perda de poder adquisitivo dos empregados municipais ao que tanto o PSOE como o PP e CxB se opuxeron. “Entendemos que o desexábel sería compensar aos traballadores municipais pola perda de poder adquisitivo, primeiro porque é o xusto que cobren polo seu traballo e segundo porque iso tería unha repercusión positiva no comercio local”, indicou Del Río. “En todo caso, non é lóxico que se pretenda solucionar os enormes problemas de persoal que hai no Concello de Betanzos cuns pinchos pagados con cartos de todos os veciños e veciñas”, asegurou.

Desde o BNG engadiron que “se ben é certo que nos últimos anos sempre participamos desta celebración cos empregados do Concello, tamén é certo que a situación económica é completamente distinta”. Os nacionalistas explicaron que non se poden manter determinados dispendios como pinchos ou gastos protocolarios mentres se recorta en fomento do emprego ou non hai cartos para bolsas de comedor. “Entendemos que os pinchos de Nadal teñen sentido a unha hora en que todos os traballadores e traballadoras poidan asistir para fomentar a convivencia e a relación cordial, pero en todo caso non con cartos públicos”, concluíu.

O BNG pide que os pinchos de Nadal do Concello non se paguen con cartos publicos