O BNG pide melloras na seguridade na rúa do Mandeo

O BNG pide melloras na seguridade na rúa do Mandeo

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

“A casa caendo é un perigo para os nenos e nenas que pasan a diario baixo ella cara a parada do bus escolar”. Os nacionalistas celebran mañá ás 20 h unha asemblea aberta coas entidades de Betanzos para explicar a convocatoria de axudas do Concello.

Betanzos, 2 de outubro de 2014. O BNG levou ao Pleno a preocupación da veciñanza da rúa do Mandeo, que teme que unha vivenda ruinosa caia sobre a vía. “Ademais dun problema para o tránsito que soporta a estrada de Obra, é un perigo para os nenos e nenas que pasan a diario baixo ella cara a parada do bus escolar, que está alí preto”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas interpelaron ao goberno local para coñecer se está ao tanto da situación e para reclamar medidas e prazos concretos para rematar con este perigo para a veciñanza. “Está un pouco máis arriba do controvertido número 50 da rúa do Mandeo”, indicou o edil do BNG con ironía.

Desde o BNG xa demandaron en varias ocasións que o goberno local do PSOE poña fin tamén á situación que atravesa este edificio a medio construír. “Non dicimos que non sexa complexo axustar á legalidade o edificio, pero semella que a preocupación do goberno do PSOE, máis que solucionalo, é simular que fai algo”, censuran os nacionalistas. O BNG denuncia que o executivo do PSOE non fixo máis movementos neste tema que “unha chamada á entidade bancaria propietaria e varios comunicados de prensa asegurando que tiña a solución ao alcance dos dedos”. Os nacionalistas acusan ao PSOE de “estar creando unhas expectativas nos propietarios e veciños que poden quedar en nada”.

Asemblea aberta con todas as asociacións para explicar a orde de subvencións do Concello

Os nacionalistas celebrarán mañá unha asemblea aberta con todas as asociacións do Concello que non recibiron unha subvención a dedo para analizar, explicar e solucionar as dúbidas sobre a orde de axudas que ven de aprobar o goberno local. A xuntanza, aberta para calquera persoa interesada, comezará ás 20:00 h e desenvolverase na sede local do BNG, na Travesía da Torre nº2, 1º.

O BNG pide melloras na seguridade na rúa do Mandeo