O BNG pide que se informe a veciñanza sobre os traballos na urbanización do Refoxo

O BNG pide que se informe a veciñanza sobre os traballos na urbanización do Refoxo

Un acto do BNG no local social do barrio da Ponte Vella

“Entendemos que lles resulte complicado ter informada á veciñanza de todas as ‘ñapas’ que teñen en marcha, porque a tres meses das eleccións de golpe acumulouse todo o que non fixeron en 4 anos”

“Non sabemos é como se vai pagar xa que no orzamento, que aprobou en solitario o PSOE, só había 3480 euros para actuacións subsidiarias e esta obra saiu a concurso por máis de 30.000 euros”

Betanzos, 12 de febreiro de 2015. O BNG reclamou explicacións ao goberno local pola acumulación de terra na urbanización paralizada do camiño de Refoxo. “Estes movementos de terra, segundo nos ten trasladado a veciñanza da zona, estan causando problemas de seguridade viaria”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Existen queixas entre a veciñanza de Saavedra Meneses xa que a rúa queda chea de terra e non se limpa”, engadiu.

“Polo que parece, esta terra provén dunha obra na circunvalación para a instalación dunha area comercial”, indicou Del Río, “estaría ben, como xa reclamamos noutros casos, que o goberno local do PSOE informase publicamente de en que consisten estes traballos que o propio concello contratou”.

“Se buscas información na páxina web municipal sobre as obras contratadas a verdade é que é moi complicado saber en que consisten exactamente os traballos porque a documentación dese contrato non especifica nada”, criticou o voceiro nacionalista. “Despois fachendean de transparencia, mais a verdade é que a veciñanza non sabe sequera que é o que están facendo con cartos públicos a carón da súa casa”, relatou.

“Polo que parece trátase dunha execución subsidiaria para dar resposta a unha demanda veciñal, que xa trasladamos varias veces ao Pleno polos problemas de salubilidade desta urbanización abandonada”, indicou o nacionalista. “O que non sabemos é como se vai pagar xa que no orzamento, que aprobou en solitario o PSOE, só había 3480 euros para actuacións subsidiarias e esta obra saiu a concurso por máis de 30.000 euros”, engadiu.

“Entendemos que lles resulte complicado ter informada á veciñanza de todas as ‘ñapas’ que teñen en marcha, porque a tres meses das eleccións de golpe acumulouse todo o que non fixeron en 4 anos”, ironizou del Río, “efectivamente, hai 6 meses cando non facían nada era moito máis sinxelo”.

O BNG pide que se informe a veciñanza sobre os traballos na urbanización do Refoxo