O BNG pide información pola devolución de 13.000 € da Área de Rehabilitación do Casco Histórico

O BNG pide información pola devolución de 13.000 € da Área de Rehabilitación do Casco Histórico

“Segundo os nosos cálculos os case 13 000 euros a devolver son o 10% do recibido en 2011 da Xunta pola Área de Rehabilitación do Casco Histórico”.

scaleBetanzos, 9 de agosto de 2016. O BNG pediu ao goberno local que explique os motivos polos que o Concello tivo que devolver case 13 000 euros da anualidade 2011 da Área de Rehabilitación do Casco Histórico (ARCH). “Estaría ben que nos informen do grao de cumprimento dos obxectivos do Plan 2009-2012 e de como vai o 2012-2016 que está a piques de rematar tamén”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas recordan que o PSOE remitiu varios comunicados cuestionando o recorte de fondos para a rehabilitación do Casco Histórico feito pola Xunta. “E agora resulta que hai que devolverlle ao goberno galego 13 000 euros dos obxectivos de 2011, o 10% do recibido para ese ano segundo os nosos cálculos, supoñemos que por non executar a totalidade das actuacións concedidas”, indican.

“En menos de quince días empezará a romaría de candidatos de PSOE e PP prometendo inversións millonarias para rehabilitar o Casco Histórico, mais cando non hai campaña electoral vemos tristemente que a realidade é outra ben distinta”, lamentan.

Imposíbel ter acceso a datos do programa

Desde o BNG denuncian a opacidade do goberno local con este asunto. “Resulta que a Xunta reclamou estes cartos en maio, que o goberno local acordou en xuño devolvelos e non se deu conta á Corporación do asunto”, lamentan. “Só puidemos coñecelo cando se nos achegou, hoxe mesmo, da acta dunha xuntanza celebrada o 23 de xuño”, aseguran.

“Ao goberno local éncheselle a boca falando de transparencia, abrindo portais e escribindo ordenanzas pero á hora de practicar esa transparencia todo queda en nada”, lamenta Del Río. “De feito, resulta imposíbel informarse polo web municipal, por exemplo, do importe e alcance de cada unhas das anualidades da Área de Rehabilitación do Casco Histórico (ARCH)”, engade.

“Se alguén depende da web municipal para rehabilitar unha vivenda no Casco Histórico marcha a outro concello, porque non hai ningunha información práctica”, ironiza.

O BNG pide información pola devolución de 13.000 € da Área de Rehabilitación do Casco Histórico