O BNG pide que o goberno local repoña as árbores que desapareceron das rúas

O BNG pide que o goberno local repoña as árbores que desapareceron das rúas

As escaleiras da praza de Lanzós tamñen teñen este problema

Os nacionalistas reclamaron ao goberno local que repoña o banco en torno ao magnolio centenario da praza de Lanzós.

Non entendemos que o goberno local anuncie como mellora que se van gastar cartos de todas e todos en volver a poñer a

punto a traseira do parque Pablo Iglesias onde o propio goberno local creou un vertedoiro incontrolado.

Betanzos, 3 de marzo de 2015. O BNG trasladou ao Pleno as queixas dun grupo de veciñas e veciños da rúa Saavedra Meneses pola drástica poda que unha empresa contratada polo goberno local meteu ás contadas árbores da rúa. “Persoas con coñecementos na materia teñen advertido do risco de que estas podas poidan matar as árbores, como xa non é a primeira vez que acontece no presente mandato” advertiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Pretenden que sexa a última poda para non ter que seguir asumindo o gasto”, ironizou o edil nacionalista. Desde o BNG demandaron ao executivo local que repoña “todas as árbores que desapareceron neste mandato en diferentes puntos da cidade”, como xa acordou o Pleno en novembro. Neste sentido, desde o BNG advirten que non se repuxeron as árbores retiradas a carón da Ponte Vella, na Ribeira ou no parque Pablo Iglesias.

Desde o BNG recordan que en 2013 o goberno local contratou a poda das árbores do Pasatempo en pleno mes de agosto. Coma entón, desde o BNG agardan “que non sequen as árbores como consecuencia destas decisións tomadas sen pensar e non haxa que gastar aínda máis en repoñelas”. “No único que aforra o PSOE é en mantemento de árbores, corta e punto; é coma George Bush cando dixo que para acabar cos incendios forestais había que talar as fragas”, denuncian desde o BNG.

Ademais, os nacionalistas reclamaron ao goberno local que repoña o banco en torno ao magnolio centenario da praza de Lanzós. “Vai para dous anos que o retiraron e deixaron desprotexida esta árbore que é parte do patrimonio histórico da cidade” explican. “Ían repoñer o banco ‘en breve’, dixeron, pero está visto que o tempo é un concepto relativo”, ironiza o portavoz do BNG. “Igual hai sorte e entra no plan de ‘ñapas electorais’ da fin do mandato”, prosegue.

Restos das podas acumulados na traseira do parque Pablo Iglesias

Refugallos de obras municipais e privadas, restos de podas e outros enseres na parcela municipal tras do parque

Desde o BNG cuestionaron tamén que o propio goberno local teña convertido a parcela ubicada detrás do parque Pablo Iglesias nun vertedoiro. “Advertímolo en decembro e o PSOE respondeunos a través dos medios de comunicación que ía seguir engordando o vertedoiro incontrolado que o propio Concello creou”, recorda Del Río.

“O que xa non entendemos e que agora anuncien como mellora que se van gastar cartos de todas e todos en volver a poñer a punto a parcela”, engade. “Se existe un punto limpo ao que levar estes restos e aos particulares se lles quere mentalizar da necesidade de utilizalo non nos parece normal que o Concello amoree estes restos en calquera sitio”, explicou o nacionalista, “ademais da imaxe de descoido que transmitimos da nosa cidade”.

“A veciñanza non ten a culpa da irresponsabilidade do goberno local e quen debía asumir isto non é a xente cos cartos dos seus impostos, senón que había que exixirlle ao goberno local que do seu peto pagase esta intervención para desfacer o que o seu desleixo provocou”, conclúen desde o BNG.

O BNG pide que o goberno local repoña as árbores que desapareceron das rúas