O BNG pide explicacións polo contrato de persoal de apoio para a Feira Franca

O BNG pide explicacións polo contrato de persoal de apoio para a Feira Franca

O BNG reclama que a Feira Franca represente a verdadeira historia da cidade e o país

“As prioridades sen sentido do goberno do PSOE lévaos a contratar persoal de apoio para as festas e ter os servizos públicos que a veciñanza precisamos de xeito cotián sen o persoal necesario”

“O PSOE non recolleu ninguna das nosas propostas para mellorar a Feira Franca, como vixiar a ambientación ou dar máis participación á xente para facer o programa”.

Betanzos, 16 de xuño de 2014. O BNG pediu explicacións ao goberno local do PSOE sobre o procedemento para contratar persoal de apoio para a Feira Franca Medieval. “As prioridades sen sentido do goberno do PSOE lévaos a contratar persoal de apoio para as festas e ter os servizos públicos que a veciñanza precisamos de xeito cotián sen o persoal necesario”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“A pesar das nosas reiteradas denuncias o verán pasado, o PSOE continúa contratando unha secretaria para as festas e outro persoal de apoio de forma clientelar para mercar votos a través da empresa privada”, engaden os nacionalistas. Desde o BNG acusan ao goberno do PSOE de pretender gastar 8200 euros “para tres días de festa, mentres que para os 365 días do ano o PSOE négase a cubrir as baixas da policía local, contratar auxiliares de policía no verán, cubrir as baixas das limpadoras do colexio durante o curso escolar e mesmo para a oficina de turismo”.

Os nacionalistas recordan que o goberno do PSOE fixo esta mesma contratación o pasado ano en fraude de lei. “O PSOE contratou persoal de apoio para a organización das festas por medio dunha empresa e logo o persoal desta empresa utilizou dependencias e medios municipais”, afirmou Del Río. “É preciso contratar unha secretaria para as festas coa que está caendo?”, insiste o voceiro nacionalista.“Non colle na cabeza de ninguén excepto do PSOE contratar máis xente para as festas coa crise que padecemos mentres outros servizos están en cadro”, denuncian.

Ademais, desde o BNG cuestionan que “sen dar explicación o PSOE ten ao técnico de promoción económica dedicado única e exclusivamente a organizar festas”. “Coa que está caendo, e a pesar de ter pechado maio con 1172 persoas sen emprego, o PSOE permítese o luxo de prescindir do técnico de promoción económica”, denuncian os nacionalistas. “Agora entendemos que o goberno local non fixese nada para poñer en marcha o banco de locais comerciais, o viveiro de empresas ou a cesión de parcelas municipais a monte para desempregados”, ironiza o voceiro do BNG. “E aínda destinando este técnico só a organizar as festas, o goberno do PSOE entende que precisa contratarlle unha secretaria”, ironiza.

Segundo os nacionalistas, “o PSOE está a facer exactamente o mesmo que antes lle criticaba ao PP”. “A proposta de orzamentos do PSOE prevé 250 000 euros para queimar nas festas e nin un euro para emprego”, abundan. “O PP dicía que estaba ben queimar cartos nas festas porque crea riqueza e emprego e o PSOE instalouse na mesma idea a pesar de que os datos do desemprego a desmenten ano tras ano”, explica Del Río.

Desde o BNG advirten, ademais, que este contrato supón un paso máis na privatización da Feira Franca Medieval. “Empezou o PP metendo unha multinacional e permitindo que algunhas empresas fixesen o que lles vise en gana e o PSOE continúa nese camiño que baleira cada vez máis a Feira Franca da súa esencia”, engade Del Río.

Propostas para mellorar a Feira Franca

O BNG lamentou no Pleno que o PSOE permita que a Feira Franca vaia cada ano a peor “converténdose nun mercado medieval máis dos centos que hai ou nun Entroido de verán”. O voceiro nacionalista indicou que “apostar polo propio e ofrecer un perfil diferenciado é a forma de potenciar a Feira Franca”.

Neste sentido, os nacionalistas propuxeron, sen éxito, na comisión de festas, “repensar a fondo o programa” para que sexa “unha festa de recreación histórica que sirva para crear riqueza coa nosa Historia”. Os nacionalistas amosan a súa preocupación porque “a perda de calidade da Feira Franca fai que perda atractivo mesmo para a veciñanza”, polo que entenden que “o goberno local ten que recoñecer que existe un problema e actuar”.

Segundo o BNG, a programación “ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media”. “A propia Feira Franca foi concedida polo papel de Betanzos na Revolución Irmandiña, algo que PSOE e PP excluíron sempre da festa” indican os nacionalistas.

“Hai que facer un esforzo por volver a situar oficios tradicionais en obradoiros e deberase dar un papel de relevancia ás danzas gremiais na programación, xa que arrancan precisamente da Idade Media”, indican. Isto, segundo o BNG, poderíase conseguir abrindo realmente a programación da Feira Franca ás achegas do tecido asociativo. “Participación non é que as asociacións poñan un posto na Feira Franca, é que poidan achegar ideas ao programa e propoñer cambios”, aseguran desde o BNG.

“Ademais, hai que abrir a participación a toda a veciñanza, con concursos relacionados coa festa, como receitas de cociña medievais, licores artesanais ou fotografía”, aseguran. “Tanto nas festas patronais como na Feira Franca, o cartel debera saír tamén dun concurso aberto á veciñanza e non pagarlle directamente 600 € á persoa que escolla o alcalde”, indica o voceiro do BNG.

Os nacionalistas insisten tamén na necesidade de extremar o coidado na ambientación dos postos. “Non pode ser que na viaxe no tempo á Idade Media se vexa por todas partes frixideiras, bombonas, lámpadas, cables, persoal sen vestir de época,…” cuestionan, xa que “isto provoca peor imaxe á Feira Franca e réstalle personalidade e atractivo. Xa o colmo foron o ano pasado os vasos de cartón e plástico e as bandeirolas de Coca Cola”.