O BNG pide a convocatoria da comisión de investigación ante o posible peche do hotel San Roque

O BNG pide a convocatoria da comisión de investigación ante o posible peche do hotel San Roque

postal hotel“A veciñanza merece unha explicación de que está pasando con este edificio público e, pensamos que é necesario que as persoas que consentiron durante anos que unha empresa privada explotara un edificio público sen pagar un euro de concesión nin impostos ao Concello asuman responsabilidades, mesmo co seu patrimonio por este despropósito”

Betanzos, 21 de xaneiro de 2015. O BNG presentou esta mañá un escrito no rexistro do Concello reclamando a convocatoria urxente da comisión de investigación sobre o hotel e o estacionamento soterrado Complexo San Roque, situado no antigo Asilo Manuel Naveira. “Polo que aparece publicado nos medios de comunicación e polas indagacións que o BNG fixo, todo parece indicar que o hotel e estacionamento municipais pecharon”, explicou Henrique del Río, voceiro do BNG. “Pensamos que é imprescindíbel que o goberno local convoque a comisión e nos aclare en que situación queda a débeda que as diferentes empresas concesionarias, e concretamente a que aparentemente ven de pechar, teñen co Concello”, engade.

“Entendemos que a veciñanza merece unha explicación de que está pasando con este edificio público e, pensamos que é necesario que as persoas que consentiron durante anos que unha empresa privada explotara un edificio público sen pagar un euro de concesión nin impostos ao Concello asuman responsabilidades, mesmo co seu patrimonio por este despropósito”, indicou Del Río.

A comisión de investigación foi creada polo Pleno o pasado mes de novembro a iniciativa do BNG. Segundo explicou o voceiro nacionalista “polo de agora o goberno do PSOE pretendeu limitar a comisión tan só a tratar de cobrar parte da débeda da concesionaria e sen moito éxito, polo de agora”. “O acordo do Pleno era investigar as causas que provocaron a situación de impagos e incumprimentos do contrato que se dan nesta concesión municipal”, recorda Del Río.

“Falta por aclarar por que non se lle reclamou nada á concesionaria até que o BNG denuncia publicamente a situación, por que se permitiu que se incumprisen os contratos subarrendando o edificio por cachos e sen autorización municipal e por que o Concello non tramitou a solicitude de licenza do establecemento, entre outras cousas”, indica o edil nacionalista. “Todas estas cousas teñen uns responsábeis por acción ou omisión e o PSOE non semella estar interesado en chegar ao fondo do asunto”, lamenta.

“Moito nos tememos que o PSOE pretenda pechar en falso esta investigación, e desde logo terán que explicar por que”, engadiu. “O goberno local do PSOE é coñecedor de varias cesións irregulares das dependencias do Hotel e non fixo nada para impedilas”, sosteñen os nacionalistas.

“Se o Concello non vai cobrar nada, que se convirta o edificio nun local de uso público”

O BNG insistiu en reclamar ao goberno local do PSOE “que pense en favorecer a xente e non a outro tipo de intereses particulares”. Neste sentido, os nacionalistas reiteran que “se o Concello non vai ingresar nada por este edificio o normal será recuperalo como local de uso público”. “Precisamente o edificio foi cedido no seu día para albergar equipamento cultural ou asistencial, cousa que tampouco se acaba de cumprir”, engade Del Río.

O BNG pide a convocatoria da comisión de investigación ante o posible peche do hotel San Roque