O BNG pide aclaracións sobre a "colaboración privada" para rehabilitar o lavadoiro das Cascas

O BNG pide aclaracións sobre a "colaboración privada" para rehabilitar o lavadoiro das Cascas

María Otero e Henrique del Río nun Pleno

“O goberno local terá que explicar se pretende sacar a concesión o Lavadoiro das Cascas, e de ser así con que finalidade”.

Betanzos, 7 de maio de 2014. O BNG reclamou ao goberno local que aclare en que consiste a “colaboración privada” que anunciou en varias ocasións como vía para recuperar o lavadoiro das Cascas. “Por dúas ocasións, a última esta mesma semana, o alcalde anuncia nos medios de comunicación que está a buscar e “intensificar contactos” co sector privado para a rehabilitación do lavadoiro das Cascas” indicaron os nacionalistas no Pleno da pasada semana.

Desde o BNG reclamaron ao goberno do PSOE que explique “en que se basea esta “colaboración” co sector privado”. “O goberno local terá que explicar se pretende sacar a concesión o Lavadoiro das Cascas, e de ser así con que finalidade”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

O verquido leva case un ano producíndose

Os nacionalistas preguntaron tamén se “existe algún proxecto que sosteña este anuncio do goberno local” e que usos prevé para o lavadeiro. No caso de que non exista ningún proxecto, demandan que o executivo do PSOE explique “como concreta entón esta “colaboración” co sector privado anunciada varias veces nos medios.

“O BNG está completamente de acordo en amañar os edificios publicos”, indicou o voceiro nacionalista. “Pero o importante é darlles contido, porque se logo de investir neles seguen baleiros e sen uso volven a deteriorarse, como o caso do Cine Alfonsetti ou as Escolas do Asilo”, indicou. “Iso é tirar cos cartos públicos, algo inadmisíbel sempre, pero especialmente coa que está caendo”, asegurou. “O que non compartimos é amañar os edificios públicos con cartos de todas e todos para logo entregarllos a unha empresa privada para que faga caixa”, advertiu.

Desde o BNG recordan que “para esta actuación o goberno anunciou un plan de emprego para varias ducias de persoas desempregadas que quedou, como a maioría dos seus anuncios, en nada”. “Ademais de xenerar falsas expectativas á xente, a cuberta do lavadoiro ao final a amañaron con fondos provinciais” recorda Del Río.

No seu día o BNG solicitou copia do proxecto de rehabilitación do lavadoiro das Cascas. O goberno do PSOE ocultou o proxecto, explicando por toda información que “se nos conceden a subvención, veríamos a forma de acometer esta inversión por contratación externa ou se o permite a axuda, mediante a contratación de persoal polo propio Concello”. “En ningún momento o PSOE respondeu como goberno que barallaba entregar o edificio á empresa privada, polo que terán que aclarar a quen e con que finalidade pretenden entregar o lavadoiro”, conclúen.

Desde o BNG cuestionan as concesións que os gobernos do PSOE fixeron nos anos 90. Os nacionalistas xa cualificaron no seu día de “negocio ruinoso para a veciñanza” a concesión do hotel e aparcamento soterrado do asilo de Bellavista e veñen de demandar no Pleno que se poña fin á zona azul da ORA, onde a empresa concesionaria cobra sen ingresar un euro ao Concello polo estacionamento nas rúas.

O BNG pide aclaracións sobre a "colaboración privada" para rehabilitar o lavadoiro das Cascas