O BNG pediu que se fomente a participación da veciñanza na programación da Feira Franca

O BNG pediu que se fomente a participación da veciñanza na programación da Feira Franca

“Só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai”.

Betanzos, 19 de abril de 2013. O BNG reclamou na comisión de festas “repensar a fondo o programa” da Feira Franca Medieval para que sexa “unha festa de recreación histórica que sirva para crear riqueza coa nosa Historia e non un feirón medieval máis dos que están de moda ou un entroido de verán”. A concelleira María Otero indicou que “a perda de calidade da Feira Franca fai que perda atractivo mesmo para a veciñanza”, polo que entende que “o goberno local ten que recoñecer que existe un problema e actuar”.

Segundo o BNG, a programación “ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media”. “Só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai”, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río. “A propia Feira Franca foi concedida polo papel de Betanzos na Revolución Irmandiña, algo que PSOE e PP excluíron sempre da festa” indican os nacionalistas, que cuestionan que “pola contra inventaron un señor feudal para Betanzos”. “Será o reflexo dos desexos dalgúns”, ironizou.

Os nacionalistas entenden que “non pode ser que o goberno local se lembre do Casco Histórico só para a Feira Franca” e insisten na necesidade de poñer en valor o patrimonio todo o ano. Ademais, entenden que cómpre poñer en valor o patrimonio inmaterial. “Hai que facer un esforzo por volver a situar oficios tradicionais en obradoiros e deberase dar un papel de relevancia ás danzas gremiais na programación, xa que arrancan precisamente da Idade Media”, indican.

A Feira Franca ten que ser unha oportunidade para toda a veciñanza, tamén para os negocios de fóra do centro

Isto, segundo o BNG, poderíase conseguir abrindo realmente a programación da Feira Franca ás achegas do tecido asociativo. “Participación non é que as asociacións poñan un posto na Feira Franca, é que poidan achegar ideas ao programa e propoñer cambios”, aseguran os edís do BNG. “Ademais, hai que abrir a participación a toda a veciñanza, con concursos relacionados coa festa, como receitas de cociña medievais, licores artesanais, fotografía....”, aseguran. “Tanto nas festas patronais como na Feira Franca, o cartel debera saír tamén dun concurso aberto á veciñanza e non pagarlle directamente 600 € á persoa que escolla o alcalde”, indica o voceiro do BNG.

Necesidade de coidar a ambientación

Os nacionalistas insisten tamén na necesidade de estremar o coidado na ambientación dos postos. “Non pode ser que na viaxe no tempo á Idade Media se vexa por todas partes fritidoras, bombonas, bombillas, cables, persoal sen vestir de época,...” cuestionan, xa que “isto provoca peor imaxe á Feira Franca e réstalle personalidade e atractivo”.

“Hai que conseguir que a Feira Franca sexa unha oportunidade para toda a veciñanza, tamén para os negocios de fóra do centro”, entenden desde o BNG, que apostan por revisar os criterios empregados para adxudicar os postos.