O BNG pediu o cesamento do xefe de educación polas súas descualificacións á comunidade escolar

O BNG pediu o cesamento do xefe de educación polas súas descualificacións á comunidade escolar

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

Del Río: “É triste ter que recordarlle a un cargo público que nunha democracia todos e todas temos dereito a opinar”

“Non se trata dun simple problema de organización, non é un problema técnico. A Consellería de educación toma esta decisión para recortar gastos a costa da calidade do ensino público”

Betanzos, 6 de setembro de 2014. O BNG pediu hoxe o cesamento do Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana, despois das declaracións publicadas hoxe nos medios en relación co novo colexio de educación infantil de Betanzos. “Non se pode permitir semellante falta de respecto á comunidade escolar e a toda a veciñanza de Betanzos”, criticou o voceiro nacionalista Henrique del Río.

“O xefe territorial da consellería de educación é un cargo público que cobra dos cartos de todos e todas por facer o seu traballo. Isto que é moi obvio é unha pena que teñamos que recordarllo. Nin nos está a facer favor ningún,  nin construíu el o novo colexio dos seus cartos e parécenos impresentábel que pida aplausos por exercer un cargo público”, indicou o voceiro nacionalista.

“O Xefe Territorial minte nas súas declaracións cando afirma que o novo colexio sempre foi deseñado como un aulario. Até hai un mes todas as referencias ao novo colexio, contemplaban iso, un colexio”, explicou o voceiro nacionalista.

“Ademais, non sabemos se este señor sabe que nun estado supostamente democrático as nais e pais, o claustro e o resto dos veciños e veciñas temos todo o dereito a queixarnos polo que consideramos inxusto e a decidir en qué e como se van investir os cartos dos impostos de todos nós”, censurou Del Río. “Estas actitudes ditatoriais e a falta de respecto cara as necesidades das persoas non se poden consentir. Pensamos que este señor debera ser cesado inmediatamente do seu posto”.

“Non se trata dun simple problema de organización, non é un problema técnico. A Consellería de educación toma esta decisión para recortar gastos a costa da calidade do ensino público”, abundou Del Río. “Non hai un só informe que afirme que ter un colexio con dous pavillóns separados máis de 400 metros e que supera os 1000 alumnos sexa máis beneficioso para a calidade do ensino, máis ben todo o contrario. Se o criterio non é o mellor para o ensino, supoñemos que o único criterio polo que se guía esta decisión é o criterio de aforro económico a costa da calidade do ensino público”.

Os nacionalistas recordaron que xa trasladaron no mes de xullo este tema ao Parlamento galego e que aínda non obtiveron resposta. “Mostra clara do desinterese total do goberno do PP no ensino público. Esta semana vai dar comezo o novo curso e nin sequera tiveron a ben darnos resposta no Parlamento, senón que responden con faltas de respecto a través dos medios de comunicación”, concluíu o voceiro do BNG Henrique del Río.

O BNG pediu o cesamento do xefe de educación polas súas descualificacións á comunidade escolar