O BNG pediu ao goberno local explicacións sobre os seus plans para o CIEC

O BNG pediu ao goberno local explicacións sobre os seus plans para o CIEC

O BNG reiterou a demanda de información publica sobre a participación do concello no CIEC, sobre a que o Pleno non ten ningunha información

ciecBetanzos, 30 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas Abertas pediu onte ao goberno local que explicara os seus plans con respecto á Fundación CIEC despois de que anunciaran nos medios de comunicación que o Concello non asumiría a súa xestión polas condicións económicas da proposta.

“O goberno local anunciou nos medios de comunicación que non se asumía o legado do CIEC polas condicións financeiras presentadas por Jesús Núñez” recordou Henrique del Río. “Hai meses se nos trasladara unha proposta para asumir desde o Concello a xestión do CIEC e esta proposta non foi nunca debatida nun Pleno nin en ningún órgano municipal”, abundou. “Por certo, tampouco se dá conta ao Pleno do papel actual do Concello nesta fundación na que si tivo unha aportación inicial e participa no padroado”, explica.

Desde o BNG-AA criticaron que despois de facerlles chegar unha proposta o goberno local do PSOE tomara esta decisión de maneira completamente unilateral e a anunciara nos medios de comunicación sen contar co resto de grupos políticos. “Entende que este tipo de decisións poden ser tomadas sen contar co resto de grupos con representación na Corporación?” interpelou Del Río ao goberno local na sesión plenaria de onte. “Pensa que é lóxico que nos traslade unha proposta e que aos poucos meses sen debate ningún se faga pública unha decisión sobre este tema?”, cuestionoulles Del Río.

Continúan as queixas do persoal por impago dos salarios

“A pasada semana novamente volveron a aparecer cartaces polas rúas de Betanzos acusando a Jesús Núñez e á Fundación CIEC de impago dos salarios. Unha fundación que está participada polo Concello de Betanzos e que recibe un convenio nominativo do Concello e outro da Deputación entendemos que non pode ser que non pague aos seus empregados”, indicou o voceiro nacionalista.

“Desde o BNG levamos tempo denunciando esta situación e pedindo información e transparencia sobre o CIEC para saber cal é a situación real desta Fundación na que se están investindo cartos de todas as betanceiras” conclúen.

O BNG pediu ao goberno local explicacións sobre os seus plans para o CIEC