O BNG pedirá responsabilidades pola xestión das terrazas do Campo

O BNG pedirá responsabilidades pola xestión das terrazas do Campo

“Xa que PSOE e PP pelexan pola idea das visitas guiadas ao Casco Histórico, que se poñan de acordo e organicen un roteiro polos dispendios que provocaron”.

Betanzos, 23 de abril de 2013. O BNG anunciou esta mañá que pedirá responsabilidades a PSOE e PP por permitir que as terrazas do Campo fosen explotadas sen contrato. “Isto supón que o Concello non ingresa o que debería ingresar”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, “e o goberno terá que explicar por que”.

Os nacionalistas inscriben as terrazas nos “dispendios do PP co Plan E en obras que non valen para nada”. Neste lote sitúan o 1,8 millóns de euros investidos polo PP na reforma das Escolas do Asilo (onde están a biblioteca infantil e un novo estudo para a radio, ambos sen estrear) ou os 525 000 euros da reforma do Campo (que conterían 120 000 euros para as terrazas e máis de 19 000 para as seis macetas piramidais xigantes). “Por non ir a outras obras luxosas e pechadas como o cine, o matadoiro, o albergue ou os baúis veroneses de 78 000 euros”, indicaron os concelleiros nacionalistas.

Del Río recordou que o BNG cuestionou o “dispendio” nas terrazas por ser “un capricho persoal da ex-alcaldesa Faraldo” que, sosteñen, “non aporta nada á veciñanza”. Recordou que a obra se fixo sen ter presente as advertencias da arqueóloga municipal sobre os controis arqueolóxicos e que ademais Faraldo permitiu que fosen explotadas sen contrato máis dun ano. “O secretario nun informe advertiu que iso mesmo podía ser malversación de fondos”, recordou.

É unha indecencia gastar nestas cousas e logo pedirlle sacrificios á xente

“As terrazas foron adxudicadas nun concurso a medida un ano despois e dous dos seis locais beneficiarios xa escaparon da criatura”, ironizou o voceiro do BNG. Os nacionalistas denuncian que o goberno do PSOE permitiu, malia a oposición que fixo co tema, que unha das terrazas funcionase sen contrato e sen pagar o correspondente “até que se levantou estes días”. “Logo o alcalde láiase porque non ten fondos para políticas de emprego, pero non se preocupa de que o Concello ingrese o que lle corresponde”, asegurou.

“Por que se gastou nestas cousas sen sentido en lugar de cubrir as verdadeiras necesidades da xente?”, pregúntanse os nacionalistas, que aseguran que “hai que determinar as responsabilidades de que o Concello non ingrese o que lle corresponde por amortización das obras nin o canon de explotación nin co PP nin co PSOE”. “Tan responsábeis son uns como outros desta situación”, asegurou o voceiro do BNG para anunciar que presentarán unha moción con este cometido. “Entendemos que hai un dano ás arcas municipais e que se perderon uns cartos que tiñan que financiar servizos para a veciñanza”, conclúen.

Un estudo de radio sen estrear de 73 000 euros

O BNG desvelou que dentro dos dispendios do Plan E o PP construíu un novo estudo para a radio municipal, valorado polos técnicos municipais en máis de 73 000 euros. “É unha indecencia gastar nestas cousas e logo pedirlle sacrificios á xente”, asegurou Henrique del Río. Os nacionalistas critican que o PP “despois deste estrago cun plan anticrise agora se sirva da crise para pretender privatizar a emisora municipal”.

“Xa que PSOE e PP pelexan pola idea das visitas guiadas ao Casco Histórico, ben podían poñerse de acordo para organizar un roteiro por estes dispendios”, ironizou o edil do BNG, que asegura que “estes gastos sen sentido son un monumento ao disparate”.