O BNG pedirá no Pleno que se protexa a fábrica da luz da Ponte Nova

O edificio da fábrica da luz foi proxectado por González Villar
O edificio da fábrica da luz foi proxectado por González Villar
O BNG pedirá no Pleno que se protexa a fábrica da luz da Ponte Nova

O edificio da fábrica da luz foi proxectado por González Villar

O edificio, de González Villar, non está protexido actualmente. “Dános igual baixo que figura se protexa a fábrica da luz sempre que a etiqueta que se lle poña sirva realmente para conservala, porque no caso do Pasatempo, por exemplo, iniciar a declaración como BIC non foi garantía de que saíse do estado de abandono en que leva catro anos”.

Betanzos, 25 de marzo de 2015. O BNG propoñerá no Pleno que se protexa a fábrica da luz da Ponte Nova. “O edificio non ten ningunha protección, polo que a orde dada polo alcalde a Gas Natural para evitar que os cachos do edificio caian sobre a vía pública pode traducirse na demolición deste edificio proxectado por Rafael González Villar”, advertiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Nin as normas subsidiarias de 1986, nin a súa revisión de 1996, ambas aprobadas en solitario polo PSOE co visto e prace do PP desde a Xunta, dan ningún tipo de protección a este edificio tan singular”, explica o edil do BNG. “Mesmo o proxecto do Plan Xeral que o PSOE evitou aprobar e facer público nesta lexislatura evita protexer a fábrica da luz”, relata.

“Ademais de estar deseñado por González Villar, o que xa sería motivo suficiente para protexelo, a fábrica da luz de Betanzos é totalmente diferente de outras da época polo seu predominio do cristal, o que a fai singular por si mesma”, explican desde o BNG. “Claro que a firma de González Villar non é garantía de que o edificio se conserva, como nos aprendeu o PSOE tamén coa destrución do Cine Capitol, do que só queda a fachada”, engaden.

Segundo os nacionalistas, “dános igual baixo que figura se protexa a fábrica da luz sempre que a etiqueta que se lle poña sirva realmente para conservala”. “Por máis nomes que se lle dea, o Casco Histórico está caendo e está visto que declarar un ben BIC ou outra categoría, por si mesmo, nada garante”, explica Henrique del Río. “É caso do Pasatempo, por exemplo, declaralo BIC non é garantía de que saia do estado de abandono en que leva catro anos”, explica.

Dános igual baixo que figura se protexa a fábrica da luz sempre que a etiqueta que se lle poña sirva realmente para conservala

“O problema é exactamente ese, que PSOE e PP ven o patrimonio como un problema, non como unha oportunidade, e así non hai forma de poñelo en valor”, engade. “Nese sentido, vale a pena que aforren declaracións ocas e que, en cambio, protexan e amañen o patrimonio que temos”, sostén.

Os nacionalistas consideran que o emprazamento da fábrica da luz fai que sexa un lugar óptimo para albergar servizos municipais. “En todo caso, o que si semella fóra de toda lóxica é permitir a desaparición deste edificio de valor histórico e artístico para construír un bloque de pisos nese espazo privilexiado que ocupa”, conclúe o voceiro nacionalista. Por este motivo, o BNG tamén propoñerá no Pleno que o goberno local negocie cos propietarios a cesión e o amaño do edificio e que, mentres tanto, obrigue a actuar aos propietarios para garantir a conservación da fábrica modernista e a seguridade dos peóns e vehículos que circulan pola avenida da Coruña.