O BNG pedirá no Pleno que se manteña a gratuidade do rexistro civil

O Concello cedeu hai dúas décadas o hospital de San Antonio para acoller os xulgados e o rexistro civil
O BNG pedirá no Pleno que se manteña a gratuidade do rexistro civil

“Serán as veciñas e veciños que precisen expedir documentos básicos como cobrar pensións, prestacións de servizos sociais ou percibir axudas públicas os que teñan que financiar o servizo”.

Betanzos, 29 de abril de 2013. O BNG reclamará no Pleno que a Xunta de Galiza demande do goberno central que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís. “O goberno do PP no Estado quere entregar os rexistros civís aos rexistradores da propiedade”, advirten os concelleiros nacionalistas na súa moción.

Coa encomenda dos rexistros civís aos rexistradores da propiedade, “un servizo até o de agora gratuíto pasará a ser de pago, como manifestou o propio colectivo de rexistradores/as da propiedade que, en principio, non queren asumir a competencia se non queda absolutamente claro que as persoas usuarias custearán o servizo”. Trátase, advirten Henrique del Río e María Otero, dunha medida que “afectará a unha ampla maioría, pois serán todas as persoas que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal”, que se requiren para trámites ordinarios como “cobrar pensións, prestacións de servizos sociais ou percibir axudas públicas”.

Coa nova planta xudicial o PP pretende suprimir “tanto os Xulgados de Paz como os rexistros civís”. Os nacionalistas recordan que o Pleno aprobou unha iniciativa do BNG en defensa da permanencia do partido xudicial de Betanzos. “O PP apoiou esta moción e agora fai o contrario do que dicía e dá trámite legal á supresión do partido xudicial” censuran desde o BNG. “Se non tiñan pensado cumprir o acordo e xa maquinaban facer todo o contrario, podían ter aforrado a hipocrisía de apoiar algo no que non acreditan”.

Os nacionalistas censuran que “as pretendidas reformas, non van en beneficio da maioría das persoas, senón que se fan con criterios única e exclusivamente economicistas e corporativistas”. Advirten que o PP está “fomentando o pago directo a determinado persoal público por un servizo que debe ser gratuíto” e que ademais as súas medidas van “na dirección contraria á modernización da administración de xustiza e do Rexistro Civil”.

Por este motivo o BNG pide á Corporación betanceira que exprese o seu “rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á supresión dos Xulgados de Paz e á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e e ás Notarías das funcións dos Rexistros Civís”. Os nacionalistas piden que este rexeitamento se materialice reclamando “ao Goberno do Estado á inmediata retirada deste anteproxecto de lei”.

O BNG pedirá no Pleno que se manteña a gratuidade do rexistro civil